O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que a clave para conseguir maiorías como a das pasadas eleccións autonómicas ou como a de José Luis Martínez Sanjurjo en Ordes radica en ter claro que a política se fai «por e para a xente» e co único obxectivo de facerlle a vida máis sinxela.
Así o puxo de manifesto no cocido que o Partido Popular na comarca de Ordes organizou nesta localidade coa asistencia de medio millar de persoas e no que o líder dos populares galegos estivo acompañado tanto polo alcalde como polo presidente provincial do partido na Coruña.
Rueda destacou que, sexa en Ordes ou a nivel autonómico, os gobernos do PP sempre se caracterizarán pola súa política baseada nos feitos e na humildade. Unha forma de concibir a política que resumiu no concepto «Estilo Galicia» e que consiste en optar pola moderación fronte ao extremismo, polo sentidiño fronte á improvisación e pola honestidade fronte a escándalos como os do Goberno de Sánchez.
Tamén quixo aproveitar a ocasión para destacar a aposta do Goberno galego pola educación pública e por centros como os deste concello, que o presidente considera un exemplo da excelencia do sistema educativo da nosa Comunidade.
Concluíu animando a toda a familia popular da comarca a seguir esforzándose por mellorar e a facer valer o traballo que fan por demostrar que o PPdeG é un partido gañador, útil e que nunca se conforma.
O ÚNICO PARTIDO CON REPRESENTANTES EN TODA A PROVINCIA
Na mesma liña, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, sinalou con orgullo que, grazas ao xeito de traballar e de servir de xeito desinteresado do partido na comarca de Ordes, os seus representantes encarnan os valores da boa política.
Uns valores que encarna o PPdeG no seu conxunto e que, segundo explicou, son os que fan del o único partido con representación e todos e cada un dos concellos da provincia e o único con representantes que poden mirar aos ollos da xente convencidos de que o están facendo ben.