O PSdeG denuncia o aumento das agresións a profesionais sanitarios e esíxelle á Xunta máis seguridade e medidas

Elena Espinosa advertiu de que “a saturación e o colapso” en servizos como a atención primaria e as urxencias poñen “ao límite” aos profesionais e levan aos pacientes a situacións de frustración e verdadeira desesperación.

 “A Xunta de Galicia ten que revisar os protocolos de seguridade tanto en atención primaria como en hospitalaria, en especial nos servizos de urxencias, e incrementar o persoal”. Tras os últimos ataques a profesionais sanitarios ocorridos en Galicia, a deputada do PSdeG Elena Espinosa vén de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias a través da que lle reclama ao Goberno do PP medidas para que os traballadores e traballadoras poidan realizar o seu labor “sen que se exerza violencia física nin verbal contra eles”. Tamén co fin de evitar demoras na prestación dos servizos sanitarios e evitar a “frustración, incerteza” e mesmo a “desesperación” de pacientes que enfrontan longas listas de espera.

A tamén viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego condenou de xeito contundente as agresións e apuntou que se debe cortar a “escalada de violencia”. Para iso, dixo, é imprescindible a desaparición das devanditas listas de espera, xa que constitúen un dos principais factores desencadeantes dos incidentes.

Espinosa recordou que só no último ano o Sergas rexistrou medio centenar de causas penais abertas por ataques a persoal sanitario, e esa cifra vai en aumento, segundo alertan tanto a Organización Médica Colexial coma o Consello Xeral de Enfermería.

Os propios profesionais corroboran que, na maioría dos casos, o problema está relacionado coa demora na atención ou pola falta de camas. Sinalan que a “saturación e colapso” obrígaos a traballar “ao límite” e iso provoca situacións críticas. Son necesarias, por tanto, “actuacións preventivas e de amparo para o persoal sanitario”, afirmou a parlamentaria do PSdeG.

Elena Espinosa lembrou tamén que esta é a segunda vez no que vai de lexislatura na que o Grupo Socialista reclama ao Parlamento que inste á Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias para solucionar o problema. “Na outra ocasión non contamos co apoio do Partido Popular, pero esperamos que agora se poña do lado dos profesionais”, subliñou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios