O marcador final (86-114) non dá fe do esforzo en pista dos betanceiros.
Se había un guión para o partido que disputaron este domingo en Betanzos (17h) o Ineltrón Santo Domingo e o Perfumerías Avenida Xoborg de Salamanca, a tarde de baloncesto que se viu no Carregal (futuro pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo”) cumpriu cumpridamente o escrito. Baloncesto rápido, con predominio dos ataques e as anotacións e vitoria do equipo “profesional” con oficio fronte ao amateur competitivo. Con todo, o resultado final (+28 para os de Salamanca) non se corresponde co visto na pista. O Santo Domingo, que saíu con ganas (27-29 no 1Q) plantou cara en todo momento a un equipo que sumou a calidade da plantilla a un elevado acerto no tiro (43,75% en triplas e un 61% en tiros de dous) e que non perdoou ningún fallo do rival. O 49-62 ao descanso deixaba un partido máis aberto, en canto sensacións, do que poida parecer. Non fallaron demasiado os betanceiros (64% en tiros de dous) pero o rebote e o castigo en momentos clave (cando o Santo ameazaba a renda de +10 dos salmantinos, estes dábanlle a volta ás posesións castigando o fallo con triplas ou con varios 2+1) pero o terceiro cuarto xa puña na pista dun desenlace demasiado xeneroso para os visitantes (68-85). A partir de aí un Perfumerías Avenida que non levantou o pé do acelerador, se cadra para compensar as sensacións das súas últimas derrotas, e un Santo que, malia non baixar os brazos, comezou a fallar máis do que fallara ata o momento.
No lado das boas noticias, bos números de Sanjurjo e Brezo, a parella chamada a darlles boas tardes ao equipo (16 puntos ambos os dous) e dentro das liñas mestras da temporada, Abelleira e Dani construíndo a columna vertebral do equipo (13 e 15 de valoración) e un Pepe Moreno que sigue sumando (11 puntos).
Así valoraba o encontro Antonio Díaz “Doc”, o adestrador betanceiros: “O partido descorreu un pouco como esperabamos. Eles correron moito, xerando moitas situacións de vantaxe dende o rebote defensivo, dende as nosas perdas. E cada situación aproveitárona. Iso permitiulles unha porcentaxe moi alta. E despois, aínda que fomos capaces de manternos no partido e competir é xusto dicir que estiveron máis acertados e foron mellores ca nós. En suma: unha derrota e seguir adestrando para os vindeiros partidos”. Próxima cita, visita ao Obradoiro Ames o vindeiro domingo.