A Universidade da Coruña lanza o novo programa AGRUPA, que ten como obxectivo o fortalecemento e a consolidación das capacidades de I+D+i dos seus grupos, unidades de investigación e persoal investigador.
O Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña acolleu hoxe unha xornada informativa, de presentación do novo programa AGRUPA, deseñado para o fortalecemento e consolidación das capacidades de I+D+i dos grupos, unidades e persoal investigador da UDC; así como da Convocatoria para o financiamento basal dos grupos, unidades e investigadores/as individuais, na que a UDC ten prevista unha dotación orzamentaria de 480.000 euros.
Este novo modelo busca garantir un reparto eficiente dos fondos e fomentar a consolidación dos grupos de investigación dentro do sistema universitario galego.
Actualmente, a investigación na UDC complétase a través de distintos instrumentos de financiamento, destacando as axudas vinculadas a proxectos de I+D+i e o financiamento basal a grupos e a centros de investigación outorgado pola Xunta de Galicia. En 2024, a Xunta destinou 2.010.000 euros aos 28 Grupos de Referencia Competitiva (GRC) e 775.000 euros aos 24 Grupos con Potencial de Crecemento (GPC). Con todo, 69 grupos ou unidades,e 38 investigadores individuais da UDC quedaron sen este apoio, o que destaca a necesidade de estratexias que lles permitan acceder a fondos autonómicos no futuro.
A nova fórmula de financiamento basal da UDC procura potenciar a aqueles grupos que non reciben financiamento da Xunta, co obxectivo de fortalecer a súa competitividade e permitirlles optar a futuras convocatorias. Ademais, simplificarase a avaliación dos grupos xa financiados, reducindo a carga burocrática e permitindo unha xestión máis eficiente dos recursos.
AGRUPA, un programa de impulso á investigación
O programa AGRUPA é unha nova iniciativa da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da UDC –a través da Oficina de Coordinación de Centros(REDCIDi)– que ten como obxectivo fortalecer e consolidar as capacidades de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) dos seus grupos,unidades e persoal investigador individual.
Para acadar este fin, a institución académica combinará accións de soporte estratéxico, prestados por un equipo multidisciplinar de persoal experto que llesproporcionará asesoramento, con recursos económicos para impulsar a excelencia investigadora na UDC.
Este programa servirá como fase de transición cara a un modelo de financiamento que se implementará plenamente en 2026 e que eliminará a avaliación externa da Axencia Estatal de Investigación (AEI), substituíndoa por un sistema baseado nos fitos acadados polos grupos.
Convocatoria interna de financiamento basal UDC 2025
O financiamento basal é aquel que non se vincula a un proxecto, senón queserve para o mantemento mínimo dun grupo que lle permite desempeñar a súa actividade.
Esta convocatoria da UDC busca financiar a investigación dos seus grupos, unidades e investigadores individuais, co obxectivo de optimizar o impacto dos recursos propios, especialmente en áreas non cubertas polas convocatorias da Xunta de Galicia mediante axudas de concorrencia competitiva.
A estas axudas poderán presentarse todos os grupos, unidades e persoal investigador inscrito no Catálogo de Investigación da UDC, de acordo con catro modalidades, e terán de prazo para facelo entre o 25 de febreiro e o 24 de marzo.
A través destas dúas accións, a UDC reafirma o seu compromiso coa investigación e co fortalecemento da súa estrutura investigadora, cun enfoque estratéxico que busca maximizar o impacto dos recursos dispoñibles e potenciar o recoñecemento e financiamento dos seus grupos.