Entidades culturais, veciñais e ambientais das comarcas de Ordes e Bergantiños unidas para parar a liña aérea de alta tensión

O pasado sábado xuntábanse no Espazo da natureza de Oza representantes  dunha boa xeira de entidades culturais, veciñais e ambientais de Cerdeda, Carballo, Coristanco e Cabana de Bergantiños para amosar un rexeitamento unido e frontal á proxectada»  liña aérea de alta tensión (LAAT) 220 kV SET Bustelo e Baralláns-SET Meirama que afectaría gravemente aos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Carballo, A Laracha, Cerceda, Ordes e Carral.

As diferentes entidades sociais valoraron moi positivamente o rexeitamento practicamente unánime que está a ter na veciñanza do rural bergantiñá, e que se traduxo en case 800 alegacións realizadas en tempo record dende a practica totalidade das parroquias por onde pasa.

O impacto na saúde, a perda de valor das terras, o cambio de uso nas mesmas ou á afectación ao patrimonio natural e arqueolóxico así como as afectacións á paisaxe foron algunhas das causas do rexeitamento a un proxecto que ten coma orixe os polígonos eólicos. O proxecto de liña logrou unir o rural de Bergantiños e da comarca de Ordes para parar esta desfeita. Moitas das persoas que alí se achegaron enteráranse incluso poucos días antes do que pode supoñer este proxecto, manifestando a súa incredulidade e preocupación.

Ademáis das veciñas e veciños a xeito particular, as entidades sociais do rural destas comarcas posiciónanse tamén  de xeito maioritario para rexeitar esta liña de alta tensión. En moi pouquiño tempo colectivos como a Asociación Lourido de Valenza de Bergantiños, a A.V. Cereo, Plat. Non máis eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural, A. de Veciños de Aldemunde de Arriba, A. Senda Nova, Veciños polo Rural, Comisión de Festas de Queixas, A. Petón do Lobo, A. Alexandre Bóbeda, A. V. Agra do Orzan ou A.C.M. Coitelo de Pau amosan un rexeitamento de dentro e fora destas comarcas a unha liña que danaría gravemente ao rural de Bergantiños e Ordes.

Lembrar que este proxecto afectaría concretamente a parroquias como Corcoesto, Valenza, San Paio, Cereo, Erbecedo, Traba, Ardaña, Rus, Artes, Sofán, Rodís, Aldemunde ou Montemaior, entre outras da comarca de Bergantiños. E Rodís, Cerceda ou Queixas son só algúns dos territorios afectados da comarca de Ordes.

Comparte éste artículo
No hay comentarios