O BNG de Lugo presenta o seu proxecto para o espazo da Estación de Autobuses

Rubén Arroxo, portavoz do BNG en Lugo e Antón Bao, responsábel local da organización presentaron unha infografía que propón a creación “dun parque urbano que mellore a paisaxe da cidade».

O BNG de Lugo presentou hoxe o proxecto que defenderá para o espazo da actual Estación de Autobuses unha vez entre en funcionamento a futura estación intermodal. Rubén Arroxo, portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, e Antón Bao, responsábel local da formación, acompañados de cargos e militantes do BNG presentaron «unha proposta que o BNG defendeu desde a aparición da Estación Intermodal, que é crear un parque urbano que mellore a paisaxe da cidade», explicou Antón Bao. O responsábel local do BNG de Lugo criticou que o PP fai propostas «a tumbos», e destacou o consenso
histórico sobre a idea de remodelar este espazo. Bao reclamou ao Partido Popular que faga «unha oposición seria e con alternativas», e afirmou que «Lugo precisa proxectos serios e definidos» como o que presentou hoxe o BNG.

O Portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que “rematar a Intermodal e deixar a estación actual, que xa está infrautilizada agora mesmo fai pensar que o PP non quere investir en Lugo». Arroxo afirmou que «chama a atención que o PP se desmarque dunha proposta consensuada socialmente, tamén na corporación municipal, como é transformar este espazo nun gran espazo público e útil para a
veciñanza». Arroxo presentou as infografías elaboradas polo BNG, que propoñen converter este espazo nunha gran zona verde, crendo un aparcadoiro soterrado «que suprima definitivamente os problemas de
estacionamento no centro de Lugo», explicou Arroxo, que engadiu «incluso se podería estudar a unión co actual aparcadoiro da praza da Constitución».

O BNG propón tamén a creación dunha parada para as liñas de transporte interurbano que desexen parar nesta zona da cidade, mantendo o resto do espazo como o que defuniu «o Parque Central de Lugo, unha
nova praza verde integrada no casco histórico». O portavoz do BNG afirmou que «esta nova praza permitiríanos gañar un pulmón verde no centro, crear un gran aparcadoiro e manter un espazo para autobuses sen precisar o actual almacén de buses».

A proposta do BNG permitirá avanzar na creación dun gran pulmón verde na cidade de Lugo e no control de temperaturas nos espazos públicos, ao habilitar novas zonas de sombra. Arroxo afirmou que «esta medida
permitirá seguir a colaborar para paliar os efectos do cambio climático», e engadiu «a situación actual require de moitas accións a nivel global, mais é preciso tamén traballar a pequena escala desde as administracións, creando espazos habitables para a veciñanza, especialmente útiles nos meses de calor».

Comparte éste artículo
No hay comentarios