Entre as persoas ocupadas, o 78 % das egresadas de grao e o 90 % das tituladas de máster ocupa postos axeitados ao seu nivel de formación, superando o nivel de satisfacción co emprego os 8 puntos sobre 10
O Observatorio Ocupacional da Universidade da Coruña acaba de publicar os resultados do estudo anual de inserción laboral do alumnado egresado no curso 2022/23. Segundo os datos recollidos, a taxa de incorporación ao mercado de traballo consolídase sen cambios significativos con respecto á do ano anterior.
Un ano despois da súa titulación, o 81,8 % do alumnado egresado de grao e o 86,8 % do de máster atopábanse activos no mercado laboral, ben con emprego ou na procura activa deste. Isto supón una mellora respecto do estudo anterior no referente ao grao, en que a porcentaxe era de case 4 puntos menos (78 %) e a continuidade na tendencia no caso dos titulados de máster, que no curso anterior foron o 87 %.
Polo que respecta aos que atoparon emprego dos que se incorporaron ao mercado de traballo, no caso do alumnado graduado foron un 89,1 %, mentres que entre os titulados de máster a porcentaxe foi do 87,4 %; situándose, polo tanto, a taxa de desemprego nun 10,9 % en grao en nun 12,6 % en máster.
O informe revela que a gran maioría das persoas ocupadas desempeña traballos acordes ao seu nivel formativo, cun 78 % no caso dos graduados e un 90 % no dos titulados de máster. Ademais, respecto dos ocupados no sector privado, un 71 % dos graduados e un 75 % dos titulados de máster conta cun contrato indefinido un ano despois do seu egreso.
Satisfacción laboral
A satisfacción xeral co emprego acadou unha puntuación de 8,04 sobre 10 entre os graduados e de 8,22 entre os titulados de máster, sen diferenzas significativas entre ramas de coñecemento nin entre homes e mulleres.
Por ramas de estudo, as taxas de paro presentan diferenzas destacables. O ámbito de Ciencias da Saúde presenta a taxa máis baixa (3,2 %), mentres que Ciencias (cun 46,7 %) é o de maior incidencia. O autoemprego, pola súa banda, segue sendo unha opción minoritaria, cun 5 % no caso dos graduados e un 9,9 % nos titulados de máster, mentres que o emprego na Administración pública representa un 10 % e un 11 %, respectivamente.
En canto ás remuneracións, o 17 % dos ocupados de grao e de máster percibe ingresos mensuais netos iguais ou inferiores a 1.000 euros, o 39 % e o 38 %, respectivamente, atópase na franxa entre 1.001 e 1.500 euros, e o 44 % dos graduados e o 45 % dos titulados de máster superan os 1.501 euros.
A Universidade da Coruña, a través do seu Observatorio Ocupacional, mantén o seu compromiso coa avaliación continua da inserción laboral do seu alumnado, proporcionando información clave para o deseño de estratexias que melloren a empregabilidade e a adaptación ás demandas do mercado laboral.
No estudo deste ano, a mostra obtida permite facer estimacións para o conxunto das persoas tituladas de grago cunha marxe de erro do 3,6 % e para o conxunto da poboación de egresados de máster cunha marxe de erro do 3,9 %.