O PP achega aos comerciantes de Lugo as novas axudas da Xunta para modernizar os seus negocios

O Partido Popular de Lugo reafirmou hoxe o seu compromiso co pequeno comercio e cos autónomos cun encontro no que participaron medio cento de comerciantes do casco histórico. Durante o acto, no que participou o Director Xeral de Comercio da Xunta, Gabriel Alén Castro, presentáronse as novas liñas de axuda para apoiar a dixitalización, modernización e sostibilidade ambiental dos establecementos comerciais.

O presidente local, Ramón Carballo, e a voceira popular, Elena Candia, subliñaron que “este tipo de encontros son fundamentais para poñer en valor o traballo da Xunta en favor do comercio local, fomentar a empregabilidade e axustar a oferta e a demanda mediante a formación á carta”. Ademais, destacaron o apoio aos autónomos, o retorno emprendedor e a aposta pola transformación das prazas de abastos en mercados excelentes.

A voceira popular lembrou como o goberno local perdeu unha axuda de 9.000 euros que lle concedera a Xunta de Galicia para darlle un pulo ao Mercado Municipal.

Candia tamén afondou nas dificultades derivadas das obras de peonalización e os problemas de accesibilidade ao centro, «É moi complicado aguantar con este caos», advertiu, lamentando que moitos establecementos se viron obrigados a pechar nos últimos tempos polas dificultades derivadas dunha mala xestión da obras.

Así mesmo, lembrou como en decembro o goberno local votou en contra dun Plan de Apoio ao pequeno comercio, ao igual que fixera o ano anterior, onde ademais de acción concretas se reclamaba reactivar a Mesa de Comercio local como canle de cooperación coa administración.

AXUDAS POR 3,9M€ PARA UN COMERCIO INNOVADOR E SOSTIBLE
Durante o encontro, o Director Xeral de Comercio, Gabriel Alén Castro, explicou a nova orde de axudas da Xunta, dotada con 3,9 millóns de euros, que unifica por primeira vez tres liñas de apoio:

• Dixitalización e innovación: Implantación de páxinas web, xestión de redes sociais, terminais de autopago e ferramentas de e-commerce.

• Modernización de locais: Mellora da imaxe, reformas en espazos de venda, eficiencia enerxética e adquisición de mobiliario.

• Sostibilidade ambiental: Redución do impacto ambiental dos establecementos mediante o uso de materiais de embalaxe sostibles e eliminación de plásticos.

Tal e como explicou o representante autonómico, as tres liñas son compatibles entre si e teñen como obxectivo facilitar a adaptación do comercio local á nova realidade e ás tendencias de consumo, apostando por un modelo innovador, moderno e sostible que impulse a competitividade do sector en Lugo.

O Partido Popular seguirá organizando actos informativos e accións na rúa de diferentes temáticas nos distintos distritos da cidade. O encontro celebrado hoxe no Distrito 1 inaugurou un calendario de actividades que se desenvolverá de forma periódica ao longo dos próximos meses.

Comparte éste artículo
No hay comentarios