O BNG Camariñas critica ao goberno local por camiñar “sen rumbo” cun proxecto de orzamentos que non prioriza as necesidades da veciñanza 

Os nacionalistas aclaran que están a favor de que se elaboren uns orzamentos, mais consideran que o proxecto presentado polo grupo de goberno non prioriza as necesidades da veciñanza e están pensando se votar de xeito desfavorábel no pleno.

O BNG de Camariñas considera que o goberno municipal camiña “sen rumbo” e que presenta unha proposta de orzamentos para 2025 “que non dá prioridade ás necesidadesreais da veciñanza e que non está pensado para sacar da espiral de débeda na que está o Concello”. Os nacionalistas aclararon que están a favor de que se elaboren uns orzamentos, “para saber o funcionamento das contas municipais e cara onde imos, mais o proxecto presentado polo grupo de goberno parécenos insuficiente e estamos pensando se votar de xeito desfavorábel no pleno que se vai a celebrar o vindeiro luns 24”.

O voceiro municipal do BNG, Xurxo Rodríguez Baña, sinalou que nos orzamentos “existe continuísmo e falta de estratexia política para os próximos anos” por parte do equipo de goberno, e destacou que “non estamos de acordo fundamentalmente no apartado de inversións, onde se priorizan obras innecesarias como a rehabilitación da lonxa para facer un museo, cando hai outras cuestións máis importantes, como rúas que están en mal estado e condesaugadoiros danados, así como a necesidade de que oparque infantil do colexio de Camelle conte cunha cubertapara que poidan xogar nos recreos os nenos e nenas”.

“Nun momento no que a débeda do Concello é elevadísima non é o momento de facer grandes inversións como a do museo dos naufraxios, que nos custaría moitísimo pois hai que dotar de persoal e medios esta infraestrutura; é un dispendio que non nos podemos permitir”, subliñou o portavoz nacionalista, que criticou o “gasto esaxerado destinado á Mostra do Encaixe, que está sobrevalorada en prezo,  que pouco a pouco vai esmorecendo e que non é o que agardamos, pois necesita un novo enfoque”.

Xurxo Rodríguez insistiu ademais en que “hai problemas de abastecemento en Camelle e na Ponte do Porto, e neste último lugar non existen áreas de xogo para as crianzas, ao igual queen Camariñas”, e considera que “deberíase divulgar máis a cultura e potenciar máis o coidado dos nosos maiores”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios