O PP pide explicacións á alcaldesa de Samos polas xestións realizadas para a reposición do caixeiro automático de Correos retirado fai uns días

O portavoz, Miguel Gallego, explica que “o caixeiro desapareceu e non se soubo absolutamente nada: marcharon con el e quedamos sen servizo”.

O portavoz do Partido Popular, Miguel Gallego, pide explicacións á alcaldesa nacionalista sobre as xestións realizadas para solicitar a reposición do caixeiro automático instalado en setembro do 2021 por Correos en colaboración coa Secretaría General para el Reto Demográfico, dependente do Goberno de España, que foi retirado fai uns días”.

Gallego explica que “o caixeiro desapareceu, desmantelaron todo e non se soubo absolutamente nada máis. Marcharon con el e quedamos sen servizo”, incide.

O popular afea que “o Goberno do PSOE retire servizos a Samos” e, máis concretamente, neste caso cando “o caixeiro instalado fai tres anos e medio formaba parte dun programa do Goberno de España para evitar a exclusión financeira e, polo tanto, non perder servizos no rural. É incomprensible que daquela trouxeran un servizo dirixido aos pequenos concellos e que agora nolo retiren”.

Así mesmo, considera máis criticable aínda que a alcaldesa, como responsable da administración máis próxima aos veciños e veciñas, “non diga nada ao respecto. O BNG, unha vez máis, é cómplice do abandono e discriminación do Goberno do PSOE á provincia de Lugo e, neste caso, a Samos”, engade.

Gallego, que ten amosado en numerosas ocasións a súa defensa polo rural, pide a reposición do servizo para o municipio. “Temos que traballar para o asentamento da poboación no rural, pero para iso é fundamental loitar para que non se perdan servizos e, por suposto, para poder ofrecer novos servizos e máis facilidades para que a xente aposte por vivir no noso concello”. 

O portavoz do PP en Samos lembrou ao respecto que a localidade conta cun caixeiro de Abanca instalado trala adhesión do Concello ao acordo entre a Xunta e a Fegamp para a instalación de caixeiros automáticos en concellos que non dispoñan de sucursais bancarias.

Comparte éste artículo
No hay comentarios