O reitor da UDC e o presidente da Fundación Inade asinaron o convenio de colaboración para a ampliación das actividades da Cátedra ata 2027.
A Universidade da Coruña (UDC) e Fundación Inade renovaron esta mañá o convenio de colaboración que permitirá á “Cátedra Fundación Inade – UDC: a Xestión do Risco e o Seguro” continuar o seu labor durante o trienio 2025-2027. O acordo foi formalizado polo reitor da UDC, Ricardo Cao Abad, e o presidente de Fundación Inade, José Ramón Santamaría.
O reitor destacou “o gran papel da Cátedra, que este ano celebra o seu décimo aniversario, en materia de formación de persoal cualificado para mellorar a xestión dos riscos presentes no entorno socioeconómico de Galicia, así como na transferencia de coñecemento desde a universidade á sociedade”.
Pola súa banda, o presidente da Fundación, José Ramón Santamaría, afirmouque “durante estes anos, a Cátedra demostrou a súa capacidade para xerar valor tanto no ámbito académico como no profesional, contribuíndo a que empresas e organizacións adopten unha xestión máis eficiente dos seus riscos. Seguiremos traballando para consolidala como un referente nacional nesta disciplina”.
Desde a súa creación no ano 2015, a Cátedra consolidouse como un referente na formación e divulgación en materia de xerencia de riscos e seguros.Promoveu diversas iniciativas académicas e de investigación, entre elas a colección “Cadernos da Cátedra”, que xa conta con nove volumes publicados, e a elaboración de ditames especializados. No ámbito formativo, destaca o curso de posgraduado en “Xerencia de riscos e seguros”, pioneiro nunha universidade pública española, que xa graduou a 175 profesionais e prevé sumar 22 máis nos próximos meses coa finalización da súa oitava edición.
A oferta académica da Cátedra expandiuse co curso de posgraduado en “Responsabilidade civil e seguro”, que celebrou a súa primeira edición, e con “Veredicto Exemplar”, un innovador programa de formación baseado na simulación de xuízos reais en materia de responsabilidade civil, que xa suma sete edicións.
A renovación do convenio contempla un investimento de 60.000 euros por parte da Fundación Inade, así como o seu apoio na xestión administrativa e comercial da Cátedra. Os obxectivos estratéxicos mantéñense firmes: fomentar a cultura da xestión responsable do risco, formar a profesionais cualificados e fortalecer a transferencia de coñecemento desde a universidade ao sector empresarial.
O catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña, Fernando Peña López, continuará á fronte da Cátedra, cuxas instalacións están situadas na Facultade de Dereito da UDC.