Os betanceiros, sobrepoñéndose ás baixas, regalan outra tarde memorable aos seareiros.
Foi unha semana dura, con baixas inesperadas na plantilla e algunha ca outra ausencia, pero o Ineltrón Santo Domingo Betanzos soubo sacar o mellor de si, e cun roster baixo mínimos, completado con dous rapaces do equipo de Segunda Autonómica, soubo dar unha lección de entrega e brindar unha vitoria fronte a un dos equipos punteiros da liga. De feito, dende un temperán 7-8 (os betanceiros comezaron cun 7-0 no marcador) o equipo de Doc sempre foi por diante nun partido que acabou no 1 Q cun prometedor 21-13 e que chegou ao descanso cun 44-33 que facía concibir boas perspectivas para a segunda parte, a pesar do bo traballo dos americanos Rilley e Leveque, que acabaron sumando 26 e 20 puntos, respectivamente, ao remate do partido.
Recortaron distancia os de Marín no 3Q, ata pórse cun 65-59, e cando os nervios comezaron a aflorar nas bancadas, os de Doc, nun exercicio de orgullo, souberon pelexar a vantaxe e levar as cousas cara aos dous últimos minutos e medio nos que todo foi de cara: do 80-72 ao 91-76 final.
Enorme partido de Pepe Moreno, nun dos seus mellores partidos co Santo (26 puntos, 9 rebotes e 28 de valoración), gran encontro tamén de Dani Martín (22 puntos e 5/10 en triplas) e bos números outra volta dun Sanjurjo que se está a converter nun dos mellores sub-22 da categoría (14 puntos e 5 rebotes). Cabo deles, os de sempre: un Abelleira decisivo en momentos clave e un Luis ao que as estatísticas non lle fan xustiza pola súa presenza e influenza en pista.
Así falaba Antonio Díaz “Doc” ao remate do partido: “Foi unha semana moi complicada, con baixas, xente tocada e ausencias, e hoxe cada xogador deu un pouco máis, se cabe. A clave estivo no colectivo, en manter a intensidade e saber sufrir os minutos en que eles se achegaron. Creo que fomos xustos vencedores e estes rapaces meréceno. Hoxe toca desfrutar”.
O Santo acaba a xornada na 8a posición do Grupo AB da Tercera Feb, a 5 vitorias do Playoff de ascenso e a 2 do primeiro descenso, o que demostra o moi competitiva e desputada que é esta Liga.
Próxima xornada, visita a Carbajosa (Salamanca) o vindeiro sábado.