Os obradoiros de divulgación “Ciencia á Feira” achegan á veciñanza de Lugo a labor investigadora do Campus Terra

Ciencia á Feira aborda na súa segunda edición a resistencia a superbacterias, o valor do monte comunal, o impacto económico das velutinas e os bosques como sumidoiros de carbono.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada pola edil de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, presentaron as actividades do programa «ciencia á feira» que desenvolverá o grupo XuvenLAB da USC e que contan co apoio da Tenencia de Alcaldía. Ferreiro estivo acompañada na presentación por representantes da FECYT, patrocinadora do programa, e por representantes do grupo liderados por Ana Cabana.

Maite Ferreiro destacou a importancia do Campus de Lugo, e afirmou que «un ano máis, desde a Tenencia de Alcaldía achegamos a ciencia ás rúas de Lugo a través de obradoiros, demostracións e relatorios de carácter divulgativo que demostran que a ciencia pode estar ao alcance de calquera». As actividades de «ciencia á feira» celebraranse en Lugo este xoves, 27 de febreiro na Feira de Nadela e no Colexio, amosando a todas as persoas que se acheguen unha serie de obradoiros e demostracións arredor da importancia dos montes comunais.

Ciencia á Feira propón 4 actividades para o curso 2024/2025, que versan arredor da  resistencia a superbacterias, a singularidade do monte veciñal en man común, o impacto sobre a economía das velutinas
e as posibilidades de negocio dos bosques como sumidoiros de carbono son as novas liñas temáticas. O equipo de XuvenCiencia aproveitará un curso máis as feiras e mercados tradicionais para divulgar e visitará
centros escolares de oito municipios: A Fonsagrada, Castro de Rei, Castroverde, Foz, Lugo (Nadela), Melide, Palas de Rei e Triacastela.

As catro liñas temáticas están escolmadas de entre algúns dos ámbitos e proxectos de investigación máis punteiros que se desenvolven desde o Campus Terra. Ao mesmo tempo, resultan relevantes no contexto actual no que se constitúe coma un reto dos máis urxentes a procura dun modelo produtivo e económico que garanta tanto a provisión segura de alimentos como a saúde das persoas e dos animais e a preservación dos valores ambientais e culturais da nosa contorna.

Maite Ferreiro valorou “o interese destas actividades que divulgan coñecementos cunha aplicación inmediata na vida cotiá e que, máis aló diso, trasladan a importancia do coñecemento científico e da labor investigadora para a sociedade en xeral, poñendo en valor especilamente o traballo das investigadoras no Campus Terra que están detrás desta iniciativa”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios