O PP presenta un Plan Integral para mellorar a xestión do ciclo da auga en Lugo, evitar fugas, cortes e a falta de servizo no rural

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo presentou un Plan Integral de Mellora da Xestión da Auga, que inclúe solucións concretas para acabar cos cortes constantes, as fugas masivas e a falta de abastecemento no rural.

O concelleiro popular Antonio Ameijide puxo en evidencia as consecuencias da inacción do goberno do PSOE e do BNG. «Cada día Lugo perde millóns de litros de auga. Mentres noutras cidades avanzan cara a unha xestión sostible, aquí seguimos cun servizo desmantelado e sen solución”.

14 anos sen contratos actualizados e un servizo desmantelado

Os principais contratos vinculados á xestión do ciclo da auga en Lugo levan 14 anos caducados, sen que o goberno local presentara unha solución viable. Ademais, o servizo municipal de augas tanto a parte administrativa como a brigada, atópase nunha situación crítica, cunha falta de persoal evidente e sen recursos para manter un servizo de calidade.

«Non só se desmantelou o persoal municipal de augas, senón que tamén hai unha ausencia total de planificación para renovar a rede de abastecemento e saneamento. Como consecuencia, as avarías son constantes e os lucenses ven como os seus barrios quedan sen auga durante horas ou mesmo días», denuncioa o PP.


Un Plan Integral para frear o desperdicio de auga e garantir un servizo digno

Ante esta situación, o Grupo Popular propón a posta en marcha dun Plan Integral de Mellora da Xestión do Ciclo da Auga, que inclúe:

•        Licitación urxente dos contratos de xestión das ETAP e EDAR.

•        Reforzo inmediato do persoal municipal, tanto na brigada de augas como no servizo administrativo e de lectura de contadores.

•        Garantía de reparación de avarías 24 horas os 7 días da semana, evitando que os veciños queden sen servizo durante longos períodos.

•        Plan de control e reparación de fugas, reducindo o desperdicio de auga potabilizada.

•        Renovación progresiva das tubaxes de fibrocemento, priorizando as zonas máis afectadas.

•        Dotación progresiva de abastecemento e saneamento ao rural, garantindo o acceso á auga potable para todas as parroquias de Lugo.

•        Posta en marcha dun servizo municipal de limpeza de fosas sépticas para os veciños que aínda non teñen saneamento.

•        Uso da auga reciclada para rego, baldeos e usos industriais, aproveitando o sistema de reutilización de auga que leva 14 anos sen empregarse en Lugo.

Unha chamada á responsabilidade do goberno local

O concelleiro do PP Antonio Ameijide esixe ao goberno do PSOE e BNG que deixe de mirar cara a outro lado e que poña en marcha medidas efectivas para garantir un servizo de auga digno para todos os lucenses. «Non podemos deixar sen auga a rúas enteiras durante días porque non hai servizo municipal que o resolva a tempo. É unha cuestión de planificación, responsabilidade e compromiso coa cidade».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios