O PSdeG advirte que Rueda comete un “erro histórico contrario ao sentido común” ao levantarse da xuntanza do CPFF

Abel Losada esíxelle ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Facenda que “se preocupen máis pola economía de Galicia en lugar de dar paus de cego partidistas mesmo cando lles ofrecen perdoar os pufos” da súa xestión.

 O responsable de Economía da Executiva do PSdeG, Abel Losada, cualificou o abandono de Galicia da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira -CPFF- constitúe unha “farsa convertida en traxedia”. Empraza ao presidente da Xunta a explicar a “actuación deshonesta” de marchar onte da reunión do CPFF, que constitúe “tomarlle o pelo aos cidadáns no seu seguidismo dos xiros dialéctico – políticos de Feijóo que ninguén entende”.

Criticou a “irresponsabilidade” do goberno galego, que anuncia a oposición á condonación de 4.000 millóns de euros de débeda que servirían para reforzar os servizos públicos de Galicia para despois renunciar á súa obriga de participar na xuntanza do CPFF.Losada cualificou de “inaudita” a posición do goberno galego, que comete un “erro histórico contrario ao sentido común” e o presenta “tutelado e axeonllado” fronte ás directrices do seu partido.

Advertiu que resulta “triste” que o presidente de Galicia “careza de criterio propio”, o que só empeora ao constatar que “fai coincidir os intereses de Galicia cos de Feijóo, que xa todos sabemos que un día defende unha cousa e ao seguinte a contraria”, como sucedeu co decreto ómnibus. Reclamoulles a Rueda e ao conselleiro de Facenda que “se preocupen un pouco máis de Galicia en lugar de dar paus de cego partidistas para tentar de confrontar con todo”.

Cualificou de “traxicómico” que tanto o presidente como o conselleiro “traten de presentar como un agravio que o goberno lles teña ofrecido unha quita de 4.000 millóns de euros” da débeda de Galicia que, apuntillou, “supón que lles están a perdoar os seus pufos”, en alusión á multiplicación da débeda de Galicia dende que o PP chegou ao goberno en 2009. 

Engadiu que os intentos do conselleiro e do presidente da Xunta por “tentar de convencernos de que se á Xunta lle perdoan 4.000 millóns de euros iso incrementa a débeda en 500 millóns” resultan  “directamente cómicos, dignos dun sketch de Barrio Sésamo”. Ademais, ironizou coa argumentación “conmovedora” de Corgos para amosarse “preocupado ata o extremo da situación económica de España ata o punto de renunciar coa boca pequena á quita da débeda”.

Abel Losada quixo tranquilizar ao conselleiro sobre a situación económica de España, que está a ser “a mellor dos últimos anos, como saben mesmo a UE e a OCDE”, e que é aplaudida como “exemplo de boa xestión” mesmo polas “biblias liberais de economía como o Financial Times”.

Comparte éste artículo
2 comentarios