A Retoría da UDC acolleu hoxe a sinatura da renovación do convenio entre as dúas entidades, xunto co acto de entrega dos IV Premios Cátedra EMALCSA-UDC aos mellores traballos Fin de Máster (TFM).
O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao Abad, e a alcaldesa da Coruña e presidenta do Consello de Administración de EMALCSA, Inés Rey García, asinaron hoxe a renovaciónpor tres anos máis da Cátedra EMALCSA-UDC, creada en 2017 para impulsar a investigación, a transferencia de coñecemento e a formación en xestión sustentable da auga.
No acto de sinatura, que tivo lugar na Reitoría da UDC, estiveron presentestamén o director xeral de EMALCSA, Jaime Castiñeira de la Torre, e o director da área de I+D+i da empresa municipal, Ricardo Vázquez Pérez.
Durante os seus oito anos de traxectoria, a Cátedra EMALCSA-UDC desenvolveu 25 proxectos enmarcados en tres grandes liñas de investigación: o Plan AdO (Augas dende a Orixe), centrado na calidade das fontes de abastecemento; o Plan ECAD (Excelencia na Auga Distribuída), que analiza a calidade da auga na rede; e o programa Aqualab, destinado á dixitalización e optimización da xestión do sistema urbano de auga. En total, estes proxectos contaron coa participación de máis de 50 investigadores da UDC e cunha achega económica de EMALCSA que rondou os 700.000 euros.
Para os vindeiros 3 anos, o convenio fixa unha dotación anual inicial de 50.000 euros, que será achegada por EMALCSA para o desenvolvemento das actuacións que se recollan no Plan de Acción do acordo.
Unha aposta conxunta pola sustentabilidade
Durante o acto de sinatura desta mañá, o reitor da UDC, Ricardo Cao, subliñou a importancia da renovación desta cátedra. «A colaboración entre a universidade e EMALCSA permítenos seguir avanzando na investigación e na aplicación de tecnoloxías innovadoras para a xestión da auga, un recurso esencial para o desenvolvemento sustentable», afirmou.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a importancia da colaboración entre as empresas públicas e a Universidade na busca da excelencia nos servizos e na ampliación dos coñecementos: «Emalcsa leva moitos anos implicándose co tecido social, deportivo e educativo desta cidade e da súa contorna, sendo un exemplo a seguir de xestión dunha empresa pública e sendo tamén un modelo de responsabilidade social. Os resultados da Cátedra Emalcsa son un bo exemplo do que estou a contar», indicou Rey.
A renovación desta cátedra reforza o compromiso da UDC e de EMALCSA cun modelo de xestión da auga baseado na investigación, a sustentabilidade e a aplicación de tecnoloxías avanzadas para mellorar a eficiencia dos sistemas de abastecemento e saneamento.
Premios Cátedra EMALCSA-UDC
No marco da renovación da cátedra, a Reitoría da UDC acolleu tamén a cerimonia de entrega dos Premios Cátedra EMALCSA-UDC, que recoñecen os mellores traballos de investigación sobre xestión da auga urbana. Uns galardóns dirixidos ao estudantado ou persoas xa tituladas de máster que presentaron o seu TFM na UDC nos cursos 2022/2023 e 2023/2024. Ao acto asistiu o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego Vázquez.
O premio principal da Cátedra EMALCSA-UDC foi concedido a Manuel RubiñosTrelles, do Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica, polo seu traballo «Análise mediante técnicas de intelixencia artificial de perfís de consumidores de auga en vivendas». Trátase dunha investigación que aplica intelixencia artificial á identificación de padróns de consumo e detección de anomalías nos sistemas de telelectura, contribuíndo á eficiencia enerxética e á protección do medio ambiente.
O xurado destacou deste traballo a súa “orixinalidade e excelente análise que realiza dos datos vinculados aos sistemas de telelectura, permitindo identificar metodolóxicamente o mellor xeito de establecemento de patróns e anomalías, de cara a establecer predicións de consumo en sistemas de auga”. “Esta técnica, afirmaron, terá importantes repercusións no futuro cara ao aforro enerxético e a protección do medio”.
Ademais, entregáronse dos accésits. Un foi para Zulma Elizabeth Villanueva Vera polo seu traballo «Avaliación da co-dixestión anaeróbica de lodo de depuradora urbana (EDA) e bagazo cervexeiro», unha investigación sobre a reutilización de residuos en depuradoras para fomentar a economía circular e a sustentabilidade ambiental, que foi desenvolvida no Máster Universitario en Biotecnoloxía Avanzada da UDC.
O xurado dos premios calificou este traballo como “unha excelente aproximación ao aproveitamento de lodos en depuradoras, incidindo na economía circular como o mellor xeito de optimizar os recursos naturais”.
O segundo accésit, pola súa banda, outorgóuselle a Anxo Balado Candal, do Máster Universitario en Biodiversidade Terrestre, polo TFM titulado “Bioloxía e ecoloxía do cangrexo invasor Procambarus clarkii no encoro de Abegondo-Cecebre (A Coruña, Galicia)”; unha “necesaria e trascendente investigación”, segundo o xurado, sobre unha das principais ameazas á biodiversidade e a calidade do medio, e as súas implicacións na calidade da auga do dito encoro.
Mención especial
Ademais, recibiu unha mención especial “pola posta en valor da necesidade de desenvolver ferramentas con potencial divulgativo para relacionar o coñecemento, a conservación do medio ambiente, e a auga”, o TFM de Sofía Gunturiz Paradela, titulado “Aprendendo ciencia, consumindo con conciencia: unidade didáctica competencial para o desenvolvemento sustentable”.
O xurado dos Premios EMALCSA-UDC, composto por membros do Comité Científico Técnico da Cátedra, destacou a gran calidade dos Traballos Fin de Máster presentados na edición deste ano (a IV). Uns traballos que, segundo afirmaron, “reflicten a insterdisciplinariedade do labor no eido dos sistemas de auga urbana, poñendo de manifesto a enorme amplitude deste campo desde o punto de vista da investigación e o desenvolvemento”.