A manifestación vaise celebrar o sábado 22 de marzo, DÍA MUNDIAL DA AUGA, por mar e por terra, na Pobra do Caramiñal, entre as 12 e as 14:30h.
Despois do rechazo do PP a que o sector do mar tradicional fora declarado de interese xeral, imposibilitando que prosperara a ILP avalada por máis de
18.000 sinaturas, abriuse un periodo de reflexión na Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, xa que a protección que nos outorgaba ser de interese xeral non era posible hoxe coa oposición radical do goberno da Xunta que se gabou no debate de haber declarado anteriormente, nun Consello da Xunta, á acuicultura industrial como de interese xeral.
Isto sitúanos nun escenario onde calquera proxecto pode arrasar coa produtividade da ría de Arousa e, en xeral, do litoral galego, por iso nunha reunión da PDRA celebrada a mediados de xaneiro acordamos por unanimidade enfrontar a situación de debalo produtivo da ría e do abandono das súas competencias en marisqueo por parte da Xunta de Galicia, xunto coas ameazas de dous grandes proxectos no río Ulla: a reapertura da mina de cobre de Touro e a instalación da celulosa de Altri.
Neste sentido acordamos realizar un grande acto informativo sobre o impacto destes dous proxectos sobre a actividade marisqueira que se vai realizar o vindeiro xoves, 6 de marzo, ás 19:00h, no Salón Peña de Cambados, en colaboración co concello de Cambados. Neste acto falarán Horacio García, Profesor Titular de Xeografía Física da USC, membro do CIREF e coautor do Informe do CCG sobre o impacto de Altri, Serafín González, Pdte da SGHN e investigados do CSIC e Xaquin Rubido, Pdte da PDRA. Ademais colocaránse pancartas nos consistorios en colaboración con varios concellos da banda sur da Ría (Illa de Arousa, Catoira,…).
E tamén realizar unha grande manifestación para expresar o descontento do conxunto da ría coa xestión da Xunta, en particular co abandono do marisqueo e a ausencia duns orzamentos que sustenten as medidas estruturais que demandamos e que a Xunta está impulsando descaradamente dúas actividades industriais incompatibles coa actividade marisqueira: Altri e a mina de Touro.
AO CONSELLEIRO DO MAR
Na Ría de Arousa, 27 de Febreiro de 2025
Asunto: COMUNICACIÓN PARA GARANTIR O DEREITO FUNDAMENTAL Á MANIFESTACIÓN DAS EMBARCACIÓNS DA TERCEIRA LISTA NA MANIFESTACIÓN MARÍTIMA DO SÁBADO, 22 DE MARZO DE 2025, DÍA MUNDIAL DA AUGA, NA POBRA DO CARAMIÑAL.
Xaquin Mª Fco. Xav. Rubido Muñiz, en calidade de Presidente da PLATAFORMA EN DEFENSA DA RÍA DE AROUSA, co DNI,,,,,,, e os Patróns Maiores abaixo asinantes, co enderezo de notificación electrónico pdrarousa@gmail.com e teléfono 65733…., pola presente
COMUNICAN
1.- Que foi comunicada o 20/02/2025 á Subdelegación do Goberno de A Coruña, co número de rexistro REGAGE25e00012061311 a manifestación por terra e por mar, do sábado, 22 de marzo, con motivo do DÍA MUNDIAL DA AUGA, entre as 12:00h e as 14:30h, na Pobra do Caramiñal.
2.- Que o dereito á manifestación é un dereito fundamental amparado constitucionalmente polo que non é de aplicación a normativa autonómica que impide que as embarcacións da terceira lista se poidan desprazar o sábado por ser fin de semana e non estar permitidas as actividades extractivas, porque prevalece o dereito a manifestarse.
3.- Que a Consellería do Mar debe dar traslado disto ao Servizo de Gardacostas de Galicia para que non impida nin multe ás embarcacións da terceira lista que se despracen para ir e vir da devandita manifestación.
Reiterar que o acto desenvolverase atendendo ás indicacións fornecidas pola Subdelegación do Goberno, Capitanía Marítima, Protección Civil e Concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña) .
Na Ría de Arousa, 27 de Febreiro de 2025.