- Por que apoiou á iniciativa a prol do recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia?
- Que opinado acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?
- Que expectativas ten da designación de 2025 como Ano Castelao por parte da Xunta?
- Por que crees que grupos parlamentarios da Cámara Galega non apoiaron o recoñecemento oficial?
- Vai a súa entidades a realizar algunha a programación especial con motivo do Ano Castelao?
- Que pensa que diría Castelao se estivese agora mesmo entre nós?
Entrevista a Ramón Suárez “O Muxo”, Presidente do Centro Galego de Buenos Aires.
Castelao finou na habitación 202 do Centro Galego de Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Aínda hoxe, tras a sombra da quebra, varias intervencións xudiciais e a cesión da xestión do centro de saúde a un grupo empresarial arxentino, esa habitación permanece intacta. Alí resiste a idea inmorrente dunha Galicia Ideal que naceu nese sur austral. Esa Galicia sen fronteiras que habita vastos territorios físicos e simbólicos en todo o mundo sen perder definición, sumando sempre.
Nesa “esquina porteña da galeguidade universal” xerminaron, medraron e resisten aos embates do tempo e da indiferenza algunhas das bases da nosa historia contemporánea. Unha biblioteca con máis de 20.000 volumes con pezas únicas, unha pinacoteca con máis de 130 obras entre as que figuran as sinaturas de Luís Seoane, Alfonso Castelao, Laxeiro, Fernando Álvarez de Sotomayor, Manuel Colmeiro, Carlos Maside, o pintor uruguaio Juan Manuel Blanes ou o arxentino Quinquela Martín, entre outros, así como 50 esculturas e estatuas cun valor millonario en euros e cunha relevancia histórica e cultural fundamentais para a Galicia Universal.
Esta institución emblemática está sumida desde fai anos nunha fonda crise, ferida de morte polas malas xestións e os vaivéns políticos e económicos das dúas nacións ás que pertence e convertida en apetecible botín de especuladores. A pesares diso, foi o punto de encontro dun emotivo acto de celebración do recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia o 6 de novembro de 2024, impulsado polo Partido Galeguista e entidades de emigrantes de Arxentina e Uruguai. Para coñecer a súa postura sobre a iniciativa, entrevistamos ao seu presidente, Ramón Suárez “O Muxo”, que traballa para preservar un legado patrimonial e cultural imprescindible para entender a nosa historia contemporánea.

Na Foto, o presidente do Centro Galego de Buenos Aires, Ramón Suárez “O Muxo”, na celebración do 75 cabodano de Alfonso Daniel Castelao na capital arxentina.
Por que apoiou á iniciativa a prol do recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia?
A insurrección do ano 36 foi unha situación totalmente anómala. O primeiro acto tremendo foi asasinar a Alexandre Bóveda. Un home pacífico, pacifista, representante do partido galeguista e gran impulsor do Estatuto de Autonomía, que se non se aprobou no período constitucional senón que se fixo no exilio. Iso transformou a vida política de Galicia e da súa xente nunha forma “anormal”, digamos. Se Castelao non tivo o destino de Bóveda foi porque non estaba alí, pero non tiña outro. O que se buscaba era eliminar a intelixencia que podía estar nos movementos políticos. Castelao, sen dúbida, era o grandísimo referente, creo que foi un home único extraordinario, un líder dun pobo, como dixera Otero Pedraio. Para min, o máis grande de Galicia, e por iso pareceume moi axeitada a proposta do Partido Galeguista de que fora recoñecido como primeiro presidente de Galicia, que non puido ser votado polo pobo porque o que as condicións de unha ditadura non o permitían, pero que, de ter habido democracia, non hai dúbida de que tamén tería sido referendado polo voto popular.
Que opinado acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?
Penso que foi un recoñecemento unánime, xusto e merecido. Lamentablemente, despois foi desvirtuado e hoxe temos unha postura que eu, persoalmente, non chego a entender. E, por suposto, que me sorprende de xeito negativo.
Que expectativas ten da designación de 2025 como Ano Castelao por parte da Xunta?
Pareceume unha moi boa iniciativa. Sobre todo o que se dixo de facer actividades no Gaiás, darlle intervención os estudantes. Lamentablemente, paréceme que, a dia de hoxe, a iniciativa xa debera ter collido outro pulo.
Por que crees que grupos parlamentarios da Cámara Galega non apoiaron o recoñecemento oficial?
Non o entendo. Para min, ao aprobarse a declaración era un tema acabado, así que non entendo porque hoxe volvemos debater o tema.
Vai a súa entidades a realizar algunha a programación especial con motivo do Ano Castelao?
En Arxentina somos varias as institucións que participamos da petición non de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia, así que o que espero, se fora posible, facer con todas un acto importante. Por suposto que o Centro Galego debe estar presente neste Ano Castelao e facer algo importante desde Buenos Aires, que por algo foi definida por el como a Galicia Ideal.
Que pensa que diría Castelao se estivese agora mesmo entre nós?
Algo moi sabio. Porque o único que saía da boca e da pluma de Castelao era sabedoría.
Un desexo para este ano para a Galicia Universal?
Eu sempre desexo mellor para toda a xente, pero como galego, representante xa das últimas ondas de galegos vidos a Arxentina, que poidamos seguir desfrutando das nosas festas, das nosas tradicións, e que para nós Galicia este sempre presente e podamos gozar da súa cultura e da súa presencia intelectual.

Acto de conmemoración do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no Centro Galego de Buenos Aires o 7 de xaneiro de 2025.
Fonte. https://www.igadi.gal/investigacion/observatorio-das-diasporas/