85-66: Excesivo castigo para Ineltrón Santo Domingo en Carbajosa

A falta de dous minutos e medio os de Doc caían por cinco puntos.

Dura derrota do Ineltrón Santo Domingo Betanzos no serán do sábado en terras salmantinas. Aínda tocados polas baixas (a ausencia de Dani Martín obrigou a convocar a Will Pereiro, con ficha de LA Goleta esta temporada), os betanceiros arrancaron con ganas e nos primeiros compases do partido, liderados por un inspirado Marcos Rozas (10 puntos no cuarto), sorprenderon á rotación local colocando un 4-17 no marcador que puña negro sobre branco a seriedade coa que o Santo tomaba o partido. Reaccionaron porén os salmantinos, apoiados no acerto exterior, e a diferenza acabou reducida ao remate do cuarto, ben que cos betanceiros inmersos na primeira crise de xogo do partido: 15-19. E aí chegou unha das claves do encontro, 10-0 de parcial para o Carbajosa (16-0 de sumar os últimos lances do primeiro cuarto) e primeira renda de +6 para os locais que os de Betanzos se viron na obriga remontar. Non lle perdeu a cara ao partido o Ineltrón, e unha tripla de Abelleira puxo un esperanzador 28-32 no marcador a falta de minuto e medio para o descanso. Porén, volveron sumar nas súas posesións os de Carbajosa, con tiros libre de Dieye e canastra de
Aleix Pujadas, e o 32-32 ao descanso deixaba, como comunmente se di, as “todas as espadas en alto”.

No terceiro cuarto volveu pasar algo semellante ao segundo: 8-2 de parcial para os locais (12-2 de sumar as dúas últimas posesión do 2Q) e un Santo que ten que volver remar para darlle a volta ao marcador: 40-42 con canastra de Abelleira. A partir de aquí unha nova vantaxe local, unha nova aproximación dos de Doc, e un 3Q que remata cun 56-50 que deixaba, non obstante todo aberto. O último cuarto seguiu o guión do segundo e do terceiro: “acelerada” dos de Carbajosa, aproximación dos do Santo, intercambio de canastras e cando todo parecía que se podía decidir do lado de quen sumase dúas ou tres boas posesións (70-65 a falta de 2 minutos 35 segundos tras dous tiros libres de Pepe Moreno), a “lexión estranxeira” do equipo local gañou o soldo (10 puntos do senegalés Thierry Sagna en pouco máis de un minuto e medio) e deixou o marcador nese 85-66 que non fai xustiza ao esforzo realizado polo equipo betanceiro.

Así valoraba o encontro ao seu remate, Antonio Díaz “Doc”: “Tivemos moi bo arranque, con moito acerto e boa circulación, pero logo atascámonos. Esa é a realidade. E aínda que despois tivemos minutos de reenganche, nos que puidemos competir o partido, o encontro se nos fixo moi longo. Faltounos frescura en ataque e tampouco tivemos a mellor das defensas. Se cadra o marcador final castigounos demasiado, pero é que eles estiveron moi ben. Foron superiores”. Bos números con todo de Abelleira máis unha vez (20 puntos e 6 rebotes) e de Pepe Moreno, máis protagonista nesta fase da liga (15 puntos e 5 rebotes) e boas achegas de Marcos Rozas (11 puntos e 3 rebotes) e Ernest (7 puntos). Will Pereiro volveu sumar tamén no seu regreso á categoría (6 puntos e 4 rebotes).

Comparte éste artículo
No hay comentarios