O BNG de Dozón esixe a Adolfo Campos Vázquez, rexedor do PP, cumprir co calendario de plenos

O BNG en Dozón demanda cumprir coas convocatorias dos plenos ordinarios acordado a principio de mandato. Adolfo Campos Vázquez, rexedor do PP, non convocou dúas das sesións de pleno ordinarias fixadas.

A Lei de Bases de Réxime Local no seu artigo 46.2 fixa que os concellos de poboación inferior a 5.000 habitantes celebrarase a sesión ordinaria como mínimo cada tres meses

O Real Decreto 781/1986, de 18 de abril, no artigo 47.1 di que as corporacións locais poderán establecer o réxime das sesións ordinarias. Os días das reunións ordinarias serán fixados previamente por acordo plenario.

O pleno de organización do concello de Dozón, celebrado o 3 de xullo de 2023 no punto relativo ao réxime das sesións plenarias acordou que se realice unha sesión ordinaria cada dous meses, o derradeiro luns hábil dos meses de febreiro, abril, xuño, agosto, outubro e decembro. Achegamos copia da acta de constitución.

As normas, e un acordo plenario tamén o é, deben executarse conforme ao establecido e son de obrigado cumprimento tanto para os destinatarios como para a propia administración.

A fixación da periodicidade bimensual implica que tanto os membros da Corporación como o público en xeral coñecerán con antelación suficiente o día e hora concretos en que se celebrarán os plenos. Con este coñecemento previo refórzase a función atribuída aos concelleiros da oposición de controlar e fiscalizar a actuación dos órganos de goberno, ao mesmo tempo que se facilita á cidadanía que poidan programar mellor o exercicio do seu dereito a asistir ás sesións plenarias e ser testemuñas dos debates e acordos que se produciran nelas.

Polo tanto, é obrigatorio celebrar as sesións plenarias ordinarias segundo a periodicidade establecida no acordo adoptado polo pleno ao principio do mandato, e sen que poida ser substituído por outras sesións de carácter extraordinario co fin de exercer, por parte da oposición, o control e fiscalización dos órganos de goberno así como tratar nos mesmos as mocións e solicitudes dos grupos da oposición, cousa imposible nos plenos extraordinarios.

No mes de febreiro non se convocou o pleno ordinario e tampouco no mes de outubro do ano 2024. Isto supón unha vulneración do dereito fundamental dos concelleiros a participar nos asuntos públicos ( artigo 23 CE) que tamén afecta ao exercicio pleno e sen obstáculos indebidos, especialmente no referente á fiscalización e control dos órganos de goberno.

A falta de convocatoria dunha sesión ordinaria polo ausencia dun secretario-interventor non ten xustificación legal, xa que sempre haberá un secretario en funciones ou suplente para asistir como tal aos Plenos ordinarios previstos no mandato.Comunicación á prensa o 3 de marzo

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios