A Casa-Museo Manuel María inicia a súa programación do mes de marzo cun espectáculo de monicreques de fío de Trécola

Música, narración oral e poesía complementan as actividades deste mes da Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María inicia este sábado, 8 de marzo, ás 17 horas, a programación de marzo cos monicreques de fío de Trécola. A compañía de Pol levará o show “The Piccole Theatre”, unha peza, dirixida para crianzas e público familiar, que sorprenderá e fará rir e participar a todas as persoas que asistan. Protagonizada por grandes artistas de madeira e cartón pluma que, entre outras cousas, realizan durante o espectáculo acrobacias e números musicais, de maxia e cómicos.

A Casa-Museo Manuel María, continuando coa súa proposta diversa, canto a xéneros artísticos e públicos,complementa a súa proposta para o mes de marzo con música, narración oral e poesía. Así, as músicas de Bouba Pandeireteiras estarán o 15 de marzo en Outeiro de Rei para presentaren o seu traballo Termando dos marcos. Os marcos somos nós e o dramaturgo, director e actor Quico Cadaval, o 29 de marzo, para celebrar co público asistente trinta anos contando historias co seu espectáculo “30 anos a contar estórias. Notas de rodapé”. Tamén, este mes, é o momento escollido, por parte da Casa-Museo Manuel María, para desenvolver o seu recoñecido concurso de recitado “Rosalía sempre viva” que se levará a cabo o sábado 22 de marzo e que acollerá escolares de toda Galiza.

The Piccole Theatre de Trécola Producións vai dirixida para nenas e nenos entre 4 e 11 anos e para asistir (billete 2 euros) é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Comparte éste artículo
No hay comentarios