As familias afectadas entregaron no Rexistro da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, e dirixidas á Consellería de Sanidade, máis de 2000 sinaturas pedindo que se restableza o servizo
Unha representación das familias afectadas pola falta de pediatra dos concellos de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito xuntáronse onte diante do edificio da Xunta de Galicia en Lugo para facer entrega no rexistro de máis de 2000 sinaturas que recollemos entre a veciñanza que mostrou o seu apoio a esta petición.
Esta recollida e entrega de sinaturas dirixidas á Consellería de Sanidade é un paso máis para que as as reclamacións dos veciños non caian no esquecemento e así seguir pedindo que se restableza este servizo tal a como estaba antes destes recortes.
É unánime, entre as familias, a decisión de seguir ideando actividades para facernos escoitar, e intentar que se siga visibilizando este problema, polo que non descartamos outro tipo de accións para que nos teñan en conta á hora de restablecer este servizo nos tres concellos mencionados.
«Facemos público que a supresión de pediatría xera unha situación de desatención sanitaria para as nosas crianzas, facéndonos desprazar longas distancias para acceder a consultas especializadas en pediatría. A inseguridade que xera o feito de non saber se hai ou en que centro de saúde temos atención pediátrica así como a supresión de horas deste servizo básico vulnera o dereito á protección da saúde recoñecida na Constitución e na Convención sobre os Dereitos do Neno!.
Piden que as súas solicitudes baséanse «na restitución inmediata do servizo de pediatría nos centros sinalados, a asignación de profesionais coa especialidade de pediatría para garantir unha atención de calidade e que se garantan, desde administracións públicas, o dereito a unha sanidade pública e de calidade para as nosas crianzas».
Ningunha crianza sen pediatra!