O 84,87% das intervencións urxentes realizáronse en menos de 12 minutos e un 25,94% en menos de 5 minutos.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, presentaron hoxe na praza de María Pita o novo vehículo de extinción de incendios deseñado especificamente para contonos urbanos, un vehículo que se suma ao parque móbil do servizo para os labores de extinción e de emerxencia. Sobre estas últimas deu conta no Palacio de María Pita a concelleira, quen expuso os detalles da Memoria 2024 dos Bombeiros da Coruña, na que se recollen as actuacións realizadas polo Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) durante o último ano. A concelleira puxo en valor a labor do corpo de emerxencias, sinalando que «o traballo dos bombeiros é fundamental para garantir a seguridade da cidadanía, non só pola súa resposta en emerxencias, senón tamén a súa intensa actividade preventiva, que segue en aumento».Montse Paz salientou que as actuacións dos bombeiros non se limitan ao ámbito municipal, xa que tamén foron requiridos en varias ocasións para colaborar con municipios limítrofes, «o que demostra o seu compromiso e profesionalidade», dixo.
O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta por este servizo esencial con novos investimentos, que en 2024 volveron a superar o millón de euros en equipamento e infraestruturas, ademais dun orzamento de 400.000 euros para mantemento e funcionamento. «Queremos que o noso servizo de bombeiros continúe sendo un referente en Galicia, e iso conséguese con máis recursos, mellores tempos de resposta e un incremento da prevención», destacou Paz.
Tempos de resposta en intervencións urxentes
Durante o ano 2024, os Bombeiros da Coruña atenderon 1.914 intervencións, 13 máis que no ano anterior, consolidando a súa operatividade. Entre os datos máis salientables da memoria destacan os tempos de chegada ás emerxencias:
- O 84,87% das intervencións realizáronse en menos de 12 minutos.
- O 25,94% en menos de 5 minutos, mellorando os datos do ano pasado.
- O 53% dos sinistros foron resoltos en menos de 45 minutos.
- 430 intervencións concluíronse en menos de 30 minutos.
A concelleira destacou que «os datos mostran a capacidade e eficacia do servizo», e insistiu en que o obxectivo é seguir mellorando: «Non nos conformamos, queremos seguir mellorando para que a resposta sexa aínda máis rápida e efectiva», indicou.
Aumento da prevención e formación en seguridade
O Concello reforzou o papel preventivo dos Bombeiros, acadando cifras récord en 2024:
- 6.409 horas dedicadas á prevención, fronte ás 4.786 do ano pasado.
- 203 informes técnicos emitidos, cun aumento do 56% respecto ao ano anterior.
- 135 reténs de seguridade en espectáculos e eventos, superando os 133 do 2023.
- 72 simulacros en centros educativos, edificios administrativos e instalacións privadas.
- 63 visitas escolares, con 1.604 nenos/as e 110 docentes participantes.
- Semana da Prevención, con 10 actividades e 225 horas de formación.
«A prevención é fundamental. Cada hora investida en seguridade reduce riscos e mellora a resposta en caso de emerxencia. Por iso, seguimos apostando por máis formación e simulacros para toda a cidadanía», indicou Montserrat Paz.
Número de siniestros e intervencións destacadas
O SEIS realizaou 1.914 intervencións ao longo do ano, das cales 694 foron de carácter urxente. No apartado de rescates, os Bombeiros atenderon 157 vítimas en diferentes sinistros:
- 36 persoas rescatadas en incendios urbanos.
- 14 vítimas de accidentes de tráfico.
- 4 rescates en medios acuáticos.
- 84 intervencións noutros sinistros.
- 19 asistencias sanitarias.
O Grupo de Rescate Acuático tivo unha presenza destacada, con 92 intervencións ao longo do ano, especialmente en situacións de temporal e risco no litoral.
Revisión e mantemento de hidrantes
A revisión da rede de hidrantes da cidade mantívose como unha prioridade en 2024. Durante o último ano, os bombeiros destinaron 3 horas diarias a inspeccionar e manter operativos os hidrantes, percorrendo os distintos distritos da cidade.
Paz destacou que «cada ano atopamos menos incidencias, o que demostra a eficacia do traballo de mantemento. Contamos cunha rede de hidrantes operativa e ben sinalizada para garantir un subministración rápida en caso de emerxencia», dixo.
O Concello da Coruña investiu en 2024 máis de 150.000 euros na instalación e mellora de hidrantes soterrados, reforzando a súa sinalización e accesibilidade.
Investimentos e reforzo do servizo
O Goberno municipal reafirma o seu compromiso cos Bombeiros da Coruña con investimentos clave:
- Máis de 1 millón de euros en novos equipamentos e infraestruturas.
- 400.000 euros para mantemento e funcionamento do servizo.
- Ampliación da dotación material, con melloras en vehículos, equipos de intervención e material de protección individual.
Paz subliñou que «o obxectivo é dotar ao servizo dos mellores medios posibles para que os bombeiros poidan desenvolver o seu traballo nas mellores condicións».
Un ano de consolidación e mellora continua
A edil quixo destacar o traballo do corpo de Bombeiros, afirmando que «a súa profesionalidade, entrega e compromiso fan da Coruña unha cidade máis segura».
Pola súa parte, a concelleira de Seguridade Cidadá concluíu agradecendo o labor de todo o equipo: «O noso servizo de Bombeiros está en permanente evolución, mellorando cada ano en eficacia e prevención. Seguiremos apostando por dotacións, formación e innovación para garantir a seguridade da veciñanza».
Para máis información descarga o documento da Memoria 2024 dos Bombeiros da Coruña dispoñible na parte inferior da nova.