Carta do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Rianxo ao Alcalde

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Rianxo diríxese a vostedes para reiterar, unha vez máis, a necesidade urxente de mellorar a iluminación nos parques públicos do noso concello.

Levamos máis dun ano insistindo neste asunto sen que, ata o momento, se adoptasen solucións efectivas para garantir a seguridade e o benestar da veciñanza que fai uso destes espazos.

Dun xeito particular, solicitamos unha intervención inmediata no parque de O Campo de Arriba en Rianxo e no parque de Campos de Pazos en Taragoña, que presentan unha evidente carencia de iluminación, xerando situacións de inseguridade para os seus usuarios, especialmente nas primeiras e últimas horas do día. Esta deficiencia non só afecta ás crianzas que frecuentan os parques, senón tamén ás súas familias e a toda a cidadanía que emprega estas zonas de lecer.

Ademais, consideramos fundamental realizar unha revisión integral do estado dos parques no conxunto do termo municipal, tanto no relativo á iluminación como ao mantemento e conservación xeral das instalacións, garantindo que todos os espazos públicos cumpran coas condicións axeitadas de seguridade e accesibilidade.

Resulta incomprensible que, tras máis dun ano de reclamacións e advertencias por parte do noso grupo, o goberno municipal continúe sen adoptar medidas concretas para solucionar este problema. Unha administración eficiente e comprometida coa veciñanza debe dar respostas rápidas e eficaces ás necesidades básicas da poboación, e a iluminación dos parques públicos non pode seguir sendo unha materia pendente.

Por todo isto, instamos ao goberno municipal a que, con carácter urxente:

  • Proceda á instalación de iluminación suficiente nos parques de O Campo de Arriba en Rianxo e de Campos de Pazos en Taragoña.
  • Realice unha inspección técnica de todos os parques públicos do municipio para valiar as necesidades de mellora na iluminación e no estado xeral das infraestruturas.
  • Elabore un plan de actuación con prazos concretos para solucionar estas carencias e garantir o dereito da veciñanza a gozar de espazos públicos seguros e ben acondicionados.

Quedamos á espera dunha resposta por parte do goberno municipal e reiteramos o noso compromiso en seguir traballando para mellorar a calidade de vida da cidadanía de Rianxo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios