Comeza en Lugo a construcción do primeiro cemiterio público de mascotas de Galicia

Traballarase nunha superficie duns 800 metros cadrados, creando unha zona «onde poder sentirse a gusto para lembrar a animais aos que moitas veciñas e veciños gardan un enorme afecto».

O Alcalde en Funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Participación e
Servizos á Veciñanza, Cristina López e o edil de Infraestruturas Urbanas Alexandre Penas, visitaron o espazo onde a Tenencia de Alcaldía está a construír un cemiterio destinado a mascotas e animais de compañía, ubicado na contorna do actual cemiterio municipal. Trátase dunha parcela anexa ao Cemiterio duns 800 metros cadrados de extensión. Arroxo destacou a importancia desta instalación, «unha proposta que a
veciñanza leva tempo reclamando e que será o primeiro cemiterio público de mascotas que se instalará en Galiza».

O novo espazo será pechado perimetralmente, e a zona interior será axardinada e contará con bancos e elementos que permitan crear un espazo íntimo para a lembranza dos animais falecidos. O novo cemiterio
terá espazos para gardar as furnas dos animais incinerados, xunto cunha zona para gardar a chapa ou a cadea do animal. O Goberno de Lugo investirá 141.570€ nesta actuación, que se realizará priorizando o uso de materiais naturais e usará deseños respectuosos coa contorna, e contará cunha capacidade inicial de 320 mascotas en columbarios individuais para furnas, xunto cun espazo onde depositar cinzas. O novo cemiterio de mascotas contará con zonas de sombra ao plantar 19 árbores en toda a contorna, e contará con bancos, mentres que os espazos de paseo da contorna estarán decorados con pegadas de animais feitas en formigón.

A edil responsábel do Cemiterio, Cristina López, destacou o traballo realizado nos últimos anos para mellorar o Cemiterio Municipal. «Neste tempo realizamos a primeira ampliación do cemiterio desde o 2006 e melloramos espazos tanto na zona antiga como na nova», explicou Cristina López, que engadiu «seguimos a planificar traballo para mellorar o Cemiterio Municipal, atendendo tamén ás solicitudes que nos fai chegar a veciñanza».

Comparte éste artículo
No hay comentarios