O profesor da Universidade da Coruña Alberto Arufe Varela, Premio “8 de Marzo – Igualdade das Mulleres” da AEDTSS

A Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social (AEDTSS) entregou en Madrid este recoñecemento ao docente da UDC pola realización dun traballo que pon de manifesto a existencia dunha discriminación indirecta no réxime de compatibilidade das pensións.

A Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social (AEDTSS) entregou onte en Madrid, na Sede do Consello Económico e Social de España, o Premio «8 de Marzo – Igualdade das Mulleres» ao profesor da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade da Coruña Alberto Arufe Varela, en recoñecemento ao seu traballo «Incompatibilidade da pensión de xubilación, SOVI e pensión de viuvez do Réxime Xeral: discriminación indirecta e fenda de xénero na Seguridade Social inadmisible e inxustificada».

Este estudo, que será publicado proximamente na revista multidisciplinar de estudos de xénero Femeris xunto coas intervencións da xornada conmemorativa do 8M celebrada onte, pon de manifesto a existencia dunha discriminación indirecta por razón de sexo no réxime de compatibilidade das pensións.

A investigación subliña que, mentres a pensión de xubilación do Réxime Xeral é plenamente compatible coa pensión de viuvez do propio Réxime Xeral –co único límite da pensión máxima–, a pensión de xubilación do Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI) conta cun réxime de compatibilidade máis restritivo respecto á pensión de viuvez do Réxime Xeral. Dado que a pensión de xubilación SOVI é percibida maioritariamente por mulleres, mentres que a pensión de xubilación do Réxime Xeral é predominantemente masculina, esta diferenza normativa xera unha fenda de xénero na Seguridade Social.

O profesor Arufe Varela destaca que a solución a esta situación require unha intervención lexislativa, xa que a vía xudicial presenta unha eficacia limitada para corrixir esta desigualdade estrutural. O seu traballo propón medidas concretas para garantir un tratamento equitativo no sistema de pensións e reducir a brecha de xénero existente.

Con este premio, a AEDTSS recoñece a relevancia do estudo e a súa contribución ao avance da igualdade de xénero no ámbito da Seguridade Social.

Alberto Arufe Varela

O docente Alberto Arufe Varela é Catedrático de Universidade da Área de Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e imparte docencia na Facultade de Dereito da UDC.

Arufe é Catedrátido do Dereito do Traballo e da Seguridade Social desde o ano 2018, e é doutorado pola UDC no ano 2000, con Premio Extraordinario de Doutoramento. Ademais de impartir docencia, o profesor forma parte do Grupo de Investigación en Dereito do Traballo e da Seguridade Social Español e Comparado da Universidade dda Coruña, liderado polo catedrátivo Jesús Martínez Girón.

Para Arufe, recibir este premio supón “un recoñecemento pola asociación española máis importante da nosa disciplina, e un impulso a seguir traballando e aprendendo sobre a igualdade de xénero”.

AEDTSS

A Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social (AEDTSS) ten como obxectivos principais promover e difundir o estudo de Dereito do Traballo e a Seguridade Social, facilitar e promover a cooperación científica e colaborar na defensa dos dereitos fundamentais dos traballadores recoñecidos universalmente.

Este ano é xa a oitava convocatoria do Premio “8 de Marzo – Igualdade das Mulleres», que ten como finalidade impulsar e promocionar as investigacións no ámbito xurídico en materia de igualdade e non discriminación por razón de xénero. 

A concesión do premio consiste nun diploma acreditativo e unha dotación económica de 1.000 Euros, así como a cobertura dos gastos de matrícula e aloxamento para o Congreso Anual de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, organizado pola AEDTSS.

Comparte éste artículo
No hay comentarios