Javier Arias destaca a importancia do deporte para educar en igualdade de xénero dende a infancia

O delegado territorial entregou ás xogadoras dos equipos femininos da SCD Milagrosa, de Lugo, uns petos a prol da igualdade e contra a violencia machista.

Co gallo da celebración do 8-M, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá ás xogadoras dos equipos femininos da Sociedade Cultural Deportiva A Milagrosa no campo de fútbol Luis López Gorgoso, en Lugo, e fíxolles entrega de petos de adestramento a prol da igualdade e contra a violencia de xénero.

Arias agradeceu á entidade a súa colaboración con esta iniciativa “coa que queremos sensibilizar á cidadanía e amplificar a mensaxe pola igualdade” e destacou a importancia do deporte “para educar sen distincións de xénero dende idades temperás”.

O representante autonómico subliñou que a presenza feminina no eido deportivo, ao igual que no resto de facetas sociais, é “un piar fundamental para conseguir unha provincia e unha comunidade máis igualitarias”. Lembrou ademais que a Xunta promove numerosas iniciativas para apoiar e impulsar o papel das mulleres nos diferentes sectores, así como para garantir a súa independencia económica e a autonomía persoal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios