ArcoTeo pecha a tempada de sala cun brillante 3º posto na liga e xa pensa no aire libre 

O equipo ArcoTeo finalizou a tempada de liga cun destacado 3º posto, poñendo o broche final a unha intensa tempada de sala. A competición, que constou de seis xornadas entre o 19 de outubro de 2024 e o 8 de marzo de 2024, reuniu aos mellores arqueiros da contorna, destacando o nivel e a evolución dos participantes.

O equipo teense estivo conformado por Gonzalo Escudero, Roberto Lois, Óscar Pinaque, Elena Pérez, Pablo Belay, Raúl Gómez, Sergio Cantalejo e Jorge Santos, que deron o máximo en cada xornada. O primeiro posto foi para os Arqueiros de Ordes, seguidos polos lucenses de CELTA Villaduck, completando así o podio desta liga.

Unha tempada de éxitos para ArcoTeo
Ademais da súa gran actuación na liga, o club ArcoTeo tamén participou activamente nos campionatos galegos de sala, onde os seus arqueiros competiron ao máximo nivel. Destaca especialmente a actuación da arqueira teense Elena Pérez, que logrou un meritorio 3º posto na Copa Federación, consolidándose como unha das deportistas máis prometedoras da disciplina.

Peche da tempada de sala e inicio do aire libre
Con esta competición, os arqueiros de ArcoTeo dan por finalizada a tempada de sala e xa se preparan para o seu primeiro desafío ao aire libre. O vindeiro fin de semana comezarán a nova tempada en Redondela, participando no primeiro torneo ao aire libre, onde se enfrontarán a un novo reto: disparar a dianas situadas a 70 metros de distancia.

Unha escola de referencia na contorna
O club ArcoTeo é o resultado do esforzo e dedicación da escola de tiro con arco de Teo, a única da súa contorna, organizada polo Concello de Teo. Esta iniciativa permite a calquera persoa interesada iniciarse nesta disciplina, con inscricións dispoñibles por trimestres a través do Concello.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios