Derrota inapelable do Ineltrón Santo Domingo contra Universidad de Oviedo

Os betanceiros, fóra do partido dende o comezo, reaccionan demasiado tarde: 65-89 Non era nin moito menos o que se esperaba. Comparecía no Carregal un equipo ao que a piques se estivo de gañar na ida e, contra todo prognóstico, os de Doc tiveron que remar cunha desvantaxe de 30 puntos perante un dos conxuntos da metade da táboa. As cousas xa non comezaron ben: tras un intercambio de canastras, varios fallos consecutivos do Santo na zona de carga deron opcións ao equipo universitario para ir sumando unha vantaxe que, co tempo, fíxose realmente insalvable: 12-26 ao remate do 1Q e a sensación de que nada ía saír segundo o pensado. Abondoulle ao rival xogar ordenado para marchar ao descanso 19 puntos arriba (26-45) sen necesidade de tirar do seu máximo realizador, o center Diarra, que se conformou coa faceta reboteadora (14 rexeites) e cunha anotación bastante máis baixa ca os seus números habituais: 6 puntos en 20 minutos.

Tampouco saíron centrados os betanceiros nun 3Q no que o público comezaba a esixir algo máis de intensidade: 0-8 de parcial para os ovetenses, e un -26 no marcador que acabou marcando a diferenza final do cuarto: 43-69. Porén, cando a cousa parecía abocada a un marcador de escándalo, os de Doc puxeron as pilas e estiveron a piques de pórse en condicións de disputar o partido cando Latas, obxecto de falta, puido pór os betanceiros só 12 puntos abaixo a falta de 5 minutos. Porén, todo foi unha miraxe: rearmáronse os universitarios, o Santo caeu en varias precipitacións pola urxencia do reloxo, e o resultado final, 24 puntos para os visitantes, acabou facendo xustiza do que se viu na cancha.

Na parte positiva, os 18 puntos e 8 rebotes de Sanjurjo, cada vez máis importante no equipo e os 16 (20 de valoración de Abelleira) amais do debut de Arón Espiñeira, cadete de primeiro ano, co primeiro equipo, por non falar das boas sensacións, a pesar do resultado, que quixeron transmitir aos seareiros Luis Portilla e Jorge Abelleira na rolda de prensa posterior ao partido: queda liga e vaise ir a Ávila a por todas.

Así valoraba o partido Antonio Díaz: “Faltounos xogo colectivo en ataque na primeira parte e acerto, o que se viu reflectido nas porcentaxes e no cativo número de asistencias. Na saída do terceiro cuarto tampouco saíron as cousas en ataque. Defensivamente non estivemos ben. E logo, cando nos enganchamos ao partido, tras ir 30 abaixo, quedo co positivo: partido costa arriba dende o comezo e non se baixaron os brazos. O marcador poido ser moito más amplo e estivemos máis cerca do que parece de recortar diferenzas. Sobre esta última base é a que hai que traballar”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios