Vigo: Amigas das Árbores denuncian a brutal mutilación de plátanos de sombra na rúa Marqués de Alcedo

Unha actuación que supón un desmochado extremo, prohibido polas normativas municipais e os estándares internacionais de arboricultura.

As imaxes documentadas por veciñanza e activistas mostran árbores sen copa funcional, con cortes masivos e feridas abertas que comprometen a súa supervivencia.

Unha intervención inxustificable e prexudicial

Estas prácticas están prohibidas polo propio Concello de Vigo nas súas ordenanzas ambientais e no prego de condicións da contrata de mantemento de zonas verdes.

O Estándar Europeo de Poda de Árbores prohibe os desmochados, xa que acurtan a vida da árbore, aumentan o risco de caídas e incrementan a vulnerabilidade fronte a pragas e enfermidades.

Esta práctica condena os exemplares a unha deterioración acelerada, obrigando á súa substitución prematura e reducindo os beneficios ambientais que proporcionan.

Amigas das Árbores esixe responsabilidades

Ante a grave e reiterada (esta Asociación xa remitiu ao Concello, sen resposta, anteriores escritos sobre esta mala e irregular práctica) agresión ao arborado urbano, a Asociación Amigas das Árbores de Vigo exixe ao Concello de Vigo:

  • A paralización inmediata das podas extremas.
  • Unha investigación sobre os criterios de mantemento aplicados.
  • A modificación do protocolo de poda para garantir a conservación do arborado. E a esixencia do obrigado cumprimento estrito da Ordenanza e Prego de Condicións da Contrata de Mantemento de Zonas Verdes.
  • A apertura dun diálogo con colectivos ecoloxistas para definir unha estratexia sostible para as árbores urbanas.

«A cidade de Vigo non pode seguir permitíndose estas prácticas destrutivas. Cada desmochado, cada mutilación, reduce a calidade ambiental da cidade, aumenta o perigo de caídas e supón un gasto innecesario, xa que obriga a substituír exemplares debilitados prematuramente», afirma a asociación.

Pola conservación do arborado urbano, por un Vigo máis verde e sostible, Amigas das Árbores seguirá denunciando por tódolos medios ao seu alcance, estas actuacións e traballando pola protección das árbores da cidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios