Concerto de Bouba este sábado na Casa-museo Manuel María

Presentarán o seu último traballo Termando dos marcos.

Este sábado 15 de marzo, ás 19.30, a Casa-Museo Manuel María acolle o concerto das Bouba, que presentarán o seu último traballo Termando dos marcos.

A formación, composta por catro mulleres veciñas da Pontraga (Tordoia), na comarca de Ordes, traerán música de nove pequenos lugares de Galiza que mostrarán o poder do legado cultural transmitido polas nosas maiores e a forza da nosa música e do noso canto. Pezas para continuar cantando e bailando, que salientan polo que contan, pola súa melodía ou polo modo de tocar e que as Bouba interpretan con instrumentos variados (pandeiretas, pandeiras, legóns…).

Bouba pandeireteiras presentan este novo traballo que poderemos desfrutar este sábado da seguinte maneira:

Despois de toda a emoción de Vinculeiras chegou a merecida calma e puidemos erguer con paciencia o que é o novo proxecto das Bouba.

A lume lento e un bocado máis maduras reparamos en nós e no mundo e creamos algo novo, pequeno, local, desde as marxes. Máis ca nunca resituámonos na aldea que nos pariu, a que nos dou o nome e nos mostrou que sen nós non había futuro.

Non é esta cousa boa de facer nun país cada vez máis asoballado polo capital e a desmemoria. Sabémonos metidas nunha noite de séculos, como cantaban Fuxan os ventos, mais resistir é de xustiza. Agarrarémonos coma carrachas aos marcos porque son nosos, e sabedoras de que precisan novas miradas, irémolos mudando para ter a vida que queremos.

Aquí estamos, BOUBA, para seguir sendo, termando dos marcos. Os marcos somos nós.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Todos as pezas musicais do disco Termando dos marcos pódense escoitar en aberto na web https://bouba.gal/os-nosos…/termando-dos-marcos/o-disco/.

Esta actividade conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios