Tralo éxito de Cordadas, o primeiro xogo creado por Muki, veciña do concello lucense da Pobra do Brollón, agora chega un segundo xogo de cartas relacionado coa escalada: Gorilas!!! Escala xogando.
Desde o 10 de marzo ata o 18 de abril estará activa a campaña de crowdfunding desde onde se pode conseguir o xogo, ademais doutras recompensas, sorteos e descontos.O obxectivo da campaña é acadar a financiación para lanzar a 1ª edición de Gorilas.
Gorilas non é un xogo de mesa, é un xogo de cartas para usar mentres se escala. O xogo está en galego, castelán e inglés e poden xogar a partir de 2 persoas. Gorilas está composto por 80 cartas, máis de 20 accións distintas e diferentes modalidades de xogo, como bloque gorileiroou a líder da manda!.

En Gorilas, os escaladores terán que replicar na parede movementos que as cartas indiquen, adaptándose a cada modalidade de xogo. Foi ideado para facer máis entretidos os adestramentos de escalada, tanto para crianzas coma para adultos, e para divertirse escalando en grupo.
Muki xa publicara hai dous anos outro xogo de escalada e alpinismo, Cordadas: trasnadas camiño do cumio!. Tralo éxito deste xogo e despois de máis de 1.500 copias vendidas, animouse a lanzar un novo proxecto desde Muki Xogos. Comenta que, para este proxecto, se aliou con Álex Moro. «Álex é monitor no rocódromo Movelab de Lugo e hai uns anos ideara un xogo que se chamaba pé-man. Xuntos revisamos a dinámica do xogo e o deseño, Álex fixo novos debuxos e así xurdiu Gorilas.
Pódese atopar máis información sobre o xogo na web de Verkami, na web mukixogos.com e no perfil de Instagram @muki_xogos.
• Vídeo presentación de Gorilas: VER
• Enlace ao proxecto en Verkami: https://vkm.is/gorilas