A presenza da UDC neste ecosistema de innovación permitirá reforzar a súa capacidade para conectar a investigación académica co sector produtivo.
A Universidade da Coruña formalizou esta mañá a súa adhesión ao Hub de Innovación Dixital DIH DATAlife. Así o asinaron o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, JerónimoPuertas, e o presidente de DIH DATAlife, Juan Sebastián Pantoja Conde.
A incorporación da UDC ao Hub, onde estará representada por Susana Ladra, catedrática de Universidade e adxunta de Transferencia, supón unha oportunidade estratéxica que fortalece o seu papel como axente clave na transformación dixital e a xeración de coñecemento en Galicia. Con esta adhesión, a Universidade contribuirá de maneira esencial á potenciación da Intelixencia Artificial (IA), a ciencia de datos e outras tecnoloxías emerxentes, cun impacto directo en ámbitos como a bioeconomía, a sustentabilidade e a saúde, fortalecendo así o seu liderado tecnolóxico a través da especialización en tecnoloxías disruptivas.
Outro beneficio destacado da participación da UDC en DATAlife é a súa contribución á cohesión do sistema galego de innovación. A articulación de modelos colaborativos arredor da dixitalización e da especialización intelixente de Galicia, garante que os recursos e infraestruturas existentes se empreguen de maneira eficiente, fomentando a autosustentabilidade do sistema e reforzando o papel de Galicia como biorrexión europea de referencia.
A participación das principais empresas tractoras nos sectores estratéxicos do DIH DATAlife favorece a validación e implementación de novas tecnoloxías, facilitando así a transferencia de coñecemento cara ás PEMEs e fortalecendo a competitividade do tecido industrial galego. Este modelo de colaboración aberta permite que a universidade reforce a súa capacidade para conectar a investigación académica co sector produtivo, impulsando a investigación aplicada e favorecendo a transferencia de coñecemento.
En definitiva, a presenza da UDC no Hub Datalife non só reforza a súa posición como líder en investigación e innovación, senón que tamén multiplica o seu impacto na sociedade e na economía, consolidando o seu compromiso co desenvolvemento sustentable e coa transformación dixital do territorio.
DIH DATAlife
DIH DATAlife é o Hub de Innovación Dixital para as Ciencias da Vida de Galicia, e ten como obxectivo principal acelerar a transformación dixital das entidades que se atopan dentro dos seus sectores estratéxicos, introducindo tecnoloxías como a intelixencia artificial, o internet das cousas, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade.
DATAlife naceu para contribuír a que Galicia sexa unha rexión de referencia en Europa mediante a creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos.