Os betanceiros, tras dúas derrotas seguidas, buscan sumar contra os abulenses.
Logo de dúas derrotas consecutivas, con Carbajosa e Universidad de Oviedo, a segunda se cadra máis inesperada por xogar na casa, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos viaxa este sábado a Ávila para medirse ao Hotel 4 Postes Ávila Auténtica el Bulevar. O equipo abulense, pese a perder hai poucas xornadas a Stefanuto, un dos seus mellores xogadores, pola fichaxe con Gandía (Segunda Feb), non deixa de ser un equipo tremendamente competitivo, como demostra a súa derrota en Gijón contra o líder por un só punto a última xornada. Malia a vitoria por 98-89 na sétima xornada, os de Doc non poden confiarse cun equipo que pouco ten que ver, en plantilla e xogo, co da primeira volta.
Así, e malia a baixa do referido Stefanuto, o conxunto de Antonio José Déniz González incorporou dende aquela dous xogadores (o húngaro Zsombor Vértes e o abulense Sergio del Río) e, con todas as dificultades, logrou situarse nunha cómoda sexta posición da táboa, grazas, entre outras cousas, á fenomenal temporada de Mario Linde (20,4 pp e 19.4 de valoración media). Así valora Antonio Díaz “Doc” o encontro: “É un dos equipos que mellor baloncesto realiza da liga. Son moi competitivos e nós levamos dous partidos con menos frescura no xogo e tamén con menos intensidade en defensa. Debemos recuperar esa liña para ter opcións, sobre todo atrás, que é o que nos permite correr e despregar o noso xogo”.
O partido terá lugar o sábado 15 ás 19h no Carlos Sastre (Ávila) e poderá seguirse en directo na canle de Youtube do club local (Óbila TV).
Varios partidos de canteira no municipal José María Valeiro Iglesias “Tocayo”.
Polo demais, o municipal do Carregal (agora, e oficialmente, José María Valeiro Iglesias “Tocayo” por acordo unánime do Pleno de Betanzos) afronta unha semana con múltiples partidos como locais dos equipos do club. Así, o J. Caamaño Arquitecto Infantil de 1a División xoga o sábado ás 12h fronte Allariz, as Cadete de Decornaveira fronte a Baxi Ferrol o domingo ás 10h, os Júnior masculino fronte a Maristas o domingo ás 17h e ese mesmo día ás, 19h, La Goleta, que disputará o seu partido de volta de cuartos de final fronte a Moneyball Coruña. Tamén xogan en Betanzos, pero desta volta no Vales Villamarín, as Mini de Coruña Interiores fronte a Santa María do Mar (sábado 11h.), os Premini 2015 contra Golfiños Sada (sábado 12.30h) e as infantís de Warnier Informática (sábado 16h.).