Unha xornada aberta e gratuíta para achegar a cidadanía aos oficios artesanais.
O Concello da Coruña reafirma o seu compromiso co sector artesanal galego e colabora coa Asociación Galega de Artesáns na organización de Oficios en Acción, unha nova xornada de divulgación e posta en valor da artesanía que terá lugar o sábado 6 de abril no Centro Sociocultural Ágora.
O evento, de acceso gratuíto e aberto a todos os públicos, busca achegar á cidadanía o traballo artesanal mediante obradoiros impartidos por profesionais do sector. Durante a xornada as persoas asistentes terán a oportunidade de participar en diferentes actividades, desde a encadernación xaponesa ata a elaboración de obxectos en coiro, pasando pola creación de xoiería en cera e a confección de pezas de cerámica.
O Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso coa promoción da artesanía e co apoio aos profesionais do sector como parte do desenvolvemento cultural e económico da cidade.
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou a importancia de iniciativas como Oficios en Acción para a preservar e difundir das técnicas tradicionais da artesanía galega. «A artesanía forma parte do noso patrimonio cultural e merece un espazo de recoñecemento e promoción», afirmou.
A programación do evento inclúe obradoiros especializados nos que os participantes aprenderán diferentes técnicas:
- Aula 5
- Creación de moedeiros de coiro (Chueco)
- Pregado de libros para deseños artísticos (Mioco Deseños)
- Aula 6
- Bordado sobre papel de algodón (Casperlota)
- Elaboración de canudos con técnica Miyuki (Artesanía Nia)
- Aula 7
- Elaboración de pousavasos de coiro (Jatafarta)
- Encadernación artesanal xaponesa (Códice)
- Aula 8
- Deseño e confección de toucados en fibra vexetal (Hana no Boshi)
- Modelaxe de pezas de cerámica con técnica Kurinuki (Mario López)
- Xoiería en cera e fundición (A Feitura)
- Aula 9
- Técnicas de modelaxe para reprodución de partes do corpo (Víctor Ares)
- Elaboración de tarxeteiros de coiro con técnicas de marroquinería (Antolín Piel)
A organización lembra que os menores de idade deberán estar acompañados dunha persoa adulta durante as actividades. Ademais, debido á capacidade limitada, recoméndase realizar a inscrición previa a través da web www.galegadeartesans.org/oficiosenaccion/.
O Concello da Coruña anima a toda a cidadanía a participar nesta xornada de aprendizaxe e posta en valor dos oficios artesanais, e contribuír así á conservación e promoción da artesanía galega.