Os premios aos mellores TFG, que tamén se entregaron hoxe, recibíronos ex aequo” unha estudante da Universidade de Santiago de Compostela e unha da Universidade de Vigo.
As alumnas da Universidade da Coruña (UDC) Iria María Fernández Sánchez e Sarah Lamas recibiron hoxe os premios da Valedora do Pobo aos mellores Traballos de Fin de Máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres na súa V edición.
A entrega dos galardóns tivo lugar esta mañá no Paraninfo da Reitoría da UDC, nun acto presidido pola valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, e que contou coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao; a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez; a coordinadora da Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Sonia Esperanza Rodríguez Boente; e a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (Uvigo), Yolanda Rodríguez Castro.
A Valedora do Pobo convoca anualmente os Premios aos mellores Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres en colaboración coas tres universidades públicas galegas(UDC, USC e Uvigo). O obxectivo é recoñecer aqueles traballos académicos que destaquen polo seu valor na promoción da igualdade e os dereitos das mulleres.
Uns premios que, segundo destacou o reitor, “constitúen un importante incentivo á introdución da perspectiva de xénero nos distintos ámbitos de coñecemento, fomentando a investigación en temas de xénero por parte do alumnado, un obxectivo co que as tres universidades galegas estamos absolutamente comprometidas”.
Nesta última edición, a Universidade da Coruña fíxose cos dous únicos galardóns concedidos “ex aequo” na modalidade de Traballos Fin de Máster, grazas aos traballos das súas alumnas Iria María Fernández Sánches e SarahLamas.
Á caza das tránsfugas
O estudo de Sarah Lamas (“A la caza de las tránsfugas”) analiza a violencia que sofren as mulleres lésbicas no espazo público, unha realidade cotiá pero pouco atendida tanto polas políticas públicas como polo activismo. O traballo enmárcase na teoría feminista e nos estudos lésbicos/queer, destacando que esta violencia non pode entenderse unicamente como un delito de odio, xa que a categoría xeralmente ignora a dimensión de xénero.
A investigación baséase nas ideas de Monique Wittig e Adrienne Rich, quen sinalaron que a heterosexualidade actúa como un sistema político de control sobre as mulleres. Desde esta perspectiva, a violencia contra as mulleres lésbicas interprétase como unha forma de castigo por desafiar a norma heterosexual. O estudo combina unha análise cualitativa de testemuños de mulleres afectadas e a súa percepción social, explorando tamén as estratexias que desenvolven para afrontar esta situación. O obxectivo é contribuír aos estudos feministas e lésbicos, reforzando o vínculo entre ambos e dando continuidade ao traballo de pensadoras pioneiras neste ámbito.
Este traballo tamén foi recoñecido co Premio Ángeles Alvariño 2024, outorgado pola Oficina de Igualdade de Xénero da UDC.
Referentes femininos na historia da música
O TFM de Iria Fernández Sánchez, titulado “Referentes femeninos en la historia de la música” conclúe que a invisibilidade das mulleres na historia da música non se debe a unha falta de talento, senón a unha exclusión sistemática baseada en roles de xénero. O estudo analiza como a ausencia de referentes femininos no currículo escolar perpetúa estereotipos e prexuízos, limitando a percepción das mulleres como compositoras, intérpretes e directoras.
Este Traballo de Fin de Máster propón unha Unidade Didáctica para incorporar a figuras femininas clave da historia da música nas aulas de 3º de ESO. O obxectivo é corrixir esta desigualdade educativa e fomentar habilidades musicais esenciais, como a percepción auditiva, a creatividade e o traballo colaborativo. Deste xeito, o proxecto busca enriquecer os estudos musicais e contribuír á igualdade de xénero no ámbito educativo.
Premios TFG
Os premios da Valedora do Pobo aos mellores Traballos de Fin de Grao neste eito, foron concedidos “ex aequo” a alumna da Universidade de Vigo Xoana Abraira de Bernardo, polo seu TFG “O oficio de lavar: unha cartografía sensible”; e a estudante da Universidade de Santiago de Compostela Rosalía Suárez Sánchez polo seu traballo “Os delitos contra a liberdade sexual: prevención, regulación e o piar fundamental do consentimento”.
Intervención de Rahima Sabiri
Ademais das autoridades asistentes, no acto de entrega dos premios da Valedora do Pobo desta mañá interviu tamén Rahima Sabiri, maxistrada do Tribunal Supremo de Afganistán refuxiada en Galicia.
Rahima Sabiri e a súa familia foi perseguida no seu país polo feito de ser muller e pola súa traxectoria profesional, de onde tivo que marchar tras a chegada dos talibáns ao poder.