O PPdeG subliña a importancia que teñen para o futuro de Galicia e do seu rural a atracción de investimentos e a xeración de emprego

Paula Prado destaca a capacidade e o esforzo de concellos como San Xoán de Río para ofrecer os máximos servizos aos seus veciños e “facer posible que a xente poida vivir no rural e do rural”.

O Partido Popular de Galicia subliña a importancia que ten para o futuro da Comunidade e do seu rural, o feito de que os concellos teñan capacidade para ofrecer servizos, atraer investimentos e xerar emprego no territorio.

Así o puxo de manifesto hoxe a secretaria xeral do partido, Paula Prado, logo de manter un encontro en San Xoán de Río co alcalde Xosé Miguel Pérez e no que tamén participaron a secretaria xeral provincial, Sandra Quintas, os integrantes do grupo municipal e outros representantes do PP na provincia e na comarca.

“A xente ten que poder vivir no rural e do rural”, explicou poñendo como exemplo a seguir o caso deste concello ourensán que, a pesar de ter apenas 500 habitantes, conta cun centro social onde os veciños poden realizar actividades, con establecementos hostaleiros para atraer turismo, cun centro de saúde, cunha Casa de Maior e con moitos outros servizos a disposición dos seus veciños.

Este é, segundo remarcou a número dous dos populares galegos, o modelo dos gobernos dun PPdeG que “sempre apoiará todas aquelas iniciativas empresariais que queiran instalarse en Galicia para xerar emprego, actividade económica, riqueza e contribuír a construír un futuro verde e sostible para a Comunidade”.

Iniciativas como a que prevé poñer en marcha Altri en Palas de Rei e ante a que a esquerda manifesta unha “férrea oposición” a pesar de que conta cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable avalada por 34 informes sectoriais e asinada por 42 técnicos da Xunta de Galicia. O cal “acredita que este proxecto cumpre con todas as garantías medioambientais e con toda a normativa europea e nacional”.

De aí que Paula Prado aproveitase a ocasión para facer un chamamento tanto ao BNG como ao PSOE para que “recapaciten” sobre as súas posturas, lamentando que ante unha cuestión como esta os independentistas galegos “digan non a todo” e os socialistas opten pola “indefinición”.

“As críticas da oposición a este proxecto só se poden entender como unha vinganza por perder as eleccións”, concluíu mostrando a súa perplexidade ante os cambio de opinión de partidos que no seu día apoiaban publicamente este proxecto e cuxos alcaldes reclamaban a súa instalación nos seus concellos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios