·A Sección de Literatura celebra o xoves 27 de marzo na Fundación Luis Seoane unha homenaxe pública ao artista e escritor
A Real Academia Galega celebrará o Día da Poesía o vindeiro xoves, 27 de marzo, cun acto público dedicado ao artista e escritor Luis Seoane. A celebración terá lugar na fundación centrada no seu legado (rúa San Francisco, 27 – A Coruña) a partir das 19 horas e xirará arredor do seu universo creativo desde unha perspectiva interdisciplinaria.
En diálogo coa súa produción como poeta, pintor e debuxante, Luis Seoane. Unha ollada interartística desde o exilio e o compromiso, contará coas intervencións de Xesús Fraga, Helena González, Carlos Negro, Alba Cid, Anxo Angueira, Oriana Méndez, Baldo Ramos e María do Cebreiro. A parte musical correrá a cargo de Tino Baz.
O serán comezará coas palabras dos académicos de número Víctor F. Freixanes e María López-Sández, coordinadora da edición que recolle todas as contribucións da homenaxe. O público asistente será obsequiado coa plaquette, que poderá descargarse en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.
«A de Luis Seoane é unha dimensión pluridisciplinaria. A súa creatividade en moi diversos ámbitos (a literatura, a plástica, o deseño industrial, a edición, o activismo cultural e político) aseméllao a un home do Renacemento. A Galicia de América é impensable sen o seu traballo, e na Galicia interior iniciativas como o Laboratorio de Formas de Sargadelos e outras empresas teñen unha débeda impagable con el», salienta Víctor F. Freixanes na presentación do volume.
Como poeta, quen foi protagonista do Día das Letras Galegas de 1994 publicou catro libros, todos en Buenos Aires e en galego: Fardel de eisilado (1952), un «arquivo de memorias e crónicas da emigración ás Américas, no que debulla moitas vidas e fai reconto dos desexos e fracasos», apunta a académica correspondente Helena González; Na brétema, Sant-Iago (1956), onde recúa á Idade Media para fabular a idade sen tempo de Santo Ero e reivindica o valor dos artesáns; As cicatrices (1959), no que recolle a dor dun pobo «ferido pola emigración, a resistencia, o exilio, a perda», e A maior abondamento (1972), un libriño que Isaac Díaz Pardo considerou un pequeno monumento, «porque soubo ler nel un memorial á heroicidade silandeiriña das vidas migrante».
O acto do Día da Poesía é de entrada libre e tamén poderá seguirse en directo desde academia.gal. O programa da Sección de Literatura da RAG conta co apoio do Concello da Coruña.