Valadares (Vigo) acolle a asemblea nacional da Organización galega de Comunidades de Montes

A asemblea xeral 2025 da Organización Galega de Comunidades de Montes, na que participan representantes de montes veciñais de toda Galiza, celebrase este sábado 22 no salón de actos do Centro veciñal e cultural de Valadares en Vigo

O sábado 22 de Marzo de 2025, ás 10 horas, no salón de actos do Centro veciñal e cultural de Valadares en Vigo, celebrarase a asemblea xeral da Organización Galega de comunidades de montes. Encontro aberto á participación de todas as comunidades de montes galegas.

O tema central a debatir nesta asemblea xeral será a futura lei de montes veciñais que promove a Consellería de medio rural e da que está previsto que o seu borrador se publique no vindeiro mes de xuño. Polo contido do chamado Libro Branco para a regulamentación dos montes veciñais e polas últimas declaracións públicas de responsabeis desta consellaría, podemos anticipar que a intención da nova lei é eliminar o carácter xermánico destas terras para poder proceder a súa municipalización e privatización.

Dende a ORGACCMM entendemos que a supervivencia dos montes veciñais en man común como o que sempre foron, é dicir, titularidades da veciñanza comuneira, atópase nun momento crítico. Tamén entendemos que a única resposta para parar este roubo dos montes veciñais está nas propias mans das comunidades de montes. Se as comunidades de montes nos unimos, a lei de montes veciñais en man común que sairá no Parlamento Galego será unha lei que reforce o carácter xermánico destas terras para estar ao servizo da veciñanza comuneira, únicos lexítimos titulares dos montes veciñais.

Nesta asemblea xeral tamén se informará da situación na que quedan os montes veciñais na zona marítimo-terrestre logo de que se aprobase no Parlamento Galego a lei de Ordenación e Xestión integrada do litoral de Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios