A Fundación Amare Terra nace para colaborar co deporte galego

A entidade presenta a cerimonia de entrega da primeira edición do Premio Terra de Hércules, que se celebrará o xoves 27 de marzo, ás 18:30 horas, no Auditorio Sede Afundación da Coruña.

A Fundación Amare Terra presentou hoxe na Coruña os obxectivos do seu proxecto: promover, apoiar e impulsar accións vencelladas a disciplinas deportivas con menor visibilidade e recursos e apostarsempre, como recollen os seus fins fundacionais, por un deporte inclusivo e integrador. Clasificada de interese deportivo galego, a Fundación nace na Coruña coa vontade de xerar un impacto positivo no ecosistema deportivo galego, especialmente naquelas especialidades menos recoñecidas.

Un dos piares centrais da Fundación Amare Terra é a difusión dos valores e principios do olimpismo e paralimpismo. Así, o vindeiro xoves 27 de marzo celebrarase a primeira edición do Premio Terra de Hércules, un galardón que recoñece a contribución de figuras clave do deporte galego. O acto celebrarase no Auditorio Sede Afundación da Coruña.

«O premio toma como referencia os valores e principios do olimpismo e inicia unha liña de traballo, estudo e divulgación do legado olímpico e paralímpico galego, en colaboración con outras persoas e entidades como os centros de investigación e estudos olímpicos das universidades galegas, a Asociación de Galegos Olímpicos e as administracións, entre outras», destacou Jesús Martínez Loira, presidente da Fundación Amare Terra.

Nesta primeira edición, recoñecerase a traxectoria e contribución de catro figuras e entidades de gran relevancia:


O ferrolán Conrado Durántez Corral, fundador e presidente de honra da Real Academia Olímpica Española e referente na divulgación do Olimpismo.

A viguesa María José Martínez Patiño, membro da Real Academia Olímpica Española e destacada pola seu labor na investigación e a igualdade no deporte.

O Comité Paralímpico Español, representado polo seu presidente, o ferrolán Alberto Durán López.

O ourensán Alejandro Blanco Bravo, presidente do Comité Olímpico Español.

“Todos teñen en común”, explicou o presidente de Amare Terra, “ademais da orixe galega, o seu compromiso e a súa contribución clave na promoción dos valores olímpicos e paralímpicos, na defensa do deporte como ferramenta de integración e na súa divulgación nacional e internacional”. No acto de presentación, participaron algúns dos membros do Padroado da Fundación Amare Terra, actualmente composto por 22 persoas de ámbitos como o deporte, a saúde, a comunicación, as fianzas, o comercio, os eventos, a docencia e a tecnoloxía. Todos eles contribúen, desde as súas respectivas áreas, ao desenvolvemento dun proxecto que aspira a colaborar e ser útil para o deporte galego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios