Concello e Deputación de Lugo súmanse ao programa especial polo 30  aniversario de Ponte Nas Ondas

250 persoas entre alumnado e profesorado crearán un programa de radio en directo desde as 10 da mañá até as 14.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a Concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, acompañados pola deputada de Cultura, Iria Castro e integrantes da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas, presentaron hoxe en Lugo a iniciativa «Ponte nas Ondas», que celebra o seu 30 aniversario con unha maratón radiofónica que se realizará o próximo mércores 26 de marzo.

A Asociación Cultural e Pedagóxica «Ponte nas Ondas» é unha ONG consultora de patrimonio inmaterial para a UNESCO e está preparando unha xornada especial desde diferentes puntos de Galiza e norte de Portugal. En Lugo, a emisión terá lugar no Auditorio Fuxan os Ventos, onde participarán varios centros educativos locais.

Os centros educativos que participarán desde o Auditorio inclúen o Centro Público de Educación Permanente de Adultos, o CEIP Sagrado Corazón, o IES Lucus Augusti, o IES Muralla Romana e o IES Leiras Pulpeiro, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Lugo e tres centros chegados de distintos puntos da provincia: o CPI Luís Díaz Moreno de Baralla, o CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei, o CPI de Cervantes. En total, unhas 250 persoas entre alumnado e profesorado crearán un programa de radio en directo desde as 10 h. da mañá até as 14 h.

A programación contará coa actuación do músico Antón Castro, integrante de Fuxan Os Ventos, e do grupo Troupelear, composto por Branca Villares e Pablo Pintor. Antón Castro actuará a partir das 10:30 h., mentres que Troupelear interpretará cancións entre as seccións dos centros de ensino a partir das 11:45 h.

A emisión será retransmitida en directo a través da páxina web https://pontenasondas.org, así como polas emisoras Si Radio de Galiza (107,4 MHz) e Radio As Nogais (107 MHz), e de internet a través de https://zeno.fm/radio/radio-galiza/.

Esta iniciativa forma parte das celebracións do 30 aniversario de «Ponte nas Ondas», que contará coa participación directa de 65 centros educativos e máis de 1.500 persoas de toda Galiza e Portugal. A emisión destacará o patrimonio cultural inmaterial común galego-portugués, con actuacións e entrevistas de artistas galegos e portugueses.

Comparte éste artículo
No hay comentarios