Preto de 100 estudantes simulan, por segundo ano consecutivo, o funcionamento da ONU no Campus Industrial de Ferrol

A conferencia inaugural correrá a cargo da alta funcionaria internacional da Organización Mundial do Comercio (OMC), María J. Pereyra, e o programa do evento inclúe tamén a intervención da vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña (UDC), Cristina López.

As alumnas do segundo curso do grao en Relacións Internacionais, Sofía Castrillón e Teresa Hermida, están a organizar, por segundo ano consecutivo, unha simulación sobre o funcionamento da Organización das Nacións Unidas (ONU).  O Modelo de Nacións Unidas (MUN), que é como se denomina esta experiencia de aprendizaxe, terá lugar, este xoves 27 e o venres 28 de marzo, na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación e no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol. 

A segunda edición do CouMUN, nome co que estas dúas estudantes da Facultade de Humanidades e Documentación bautizaron esta simulación,reunirá a preto de 100 estudantes dos graos en Relacións Internacionais, en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos da Universidade da Coruña (UDC); do grao en Relacións Internacionais da Universidade de Vigo (UVigo); do grao en Relacións Internacionais, do dobre grao en Socioloxía – Relacións Internacionais e Experto en Desenvolvemento, e do dobre grao en Socioloxía – Relacións Internacionais da Universidad Complutense de Madrid (UCM) e máis do grao en Farmacia da Universidad Francisco de Vitoria (UFV). 

No Modelo de Nacións Unidas (MUN), o alumnado participante pasa a ocupar o lugar dos embaixadores e embaixadoras dos países membros das Nacións Unidas para debater sobre algúns dos temas de actualidade recollidos na axenda da ONU. Deste xeito, o estudantado, baixo a figura dun delegado ou delegada, prepara borradores de resolucións estratéxicas argumentativas e realiza negociacións con países aliados e adversarios, ademais de resolver conflitos botando man das regras do Procedemento das Nacións Unidas. 

Ao longo dos dous días, o estudantado participante simulará un total de cincoConsellos da ONU e unha organización internacional. No primeiro deles, o Consello Económico e Social, debaterán sobre os aranceis e o futuro do comercio global. No segundo, o Consello de Seguridade, afondarán no uso de armas nucleares e no proceso de desmilitarización do Ártico. Na terceira simulación analizarán o papel da organización internacional Unión Africana e estudarán como prever e resolver golpes de estado e conflitos internos en África. 

A Axencia da ONU para as Persoas Refuxiadas, ACNUR, será a protagonista do cuarto consello, no que o alumnado analizará a crise humanitaria en Yemene buscará o consenso para acadar unha resposta internacional para a protección das persoas refuxiadas. No quinto consello, titulado ONU Mulleres, debaterán sobre o impacto da crise actual en Afganistán no que atinxe aos dereitos das mulleres e, nesta simulación, contarán coa participación da vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña (UDC), Cristina López. No sexto e último consello, recrearán a Asamblea Xeral da ONU.

O programa desta segunda edición do CouMUN inclúe unha conferencia inaugural, prevista para o xoves 27, ás 16:30 horas, da man da alta funcionaria internacional da Organización Mundial do Comercio (OMC), María J. Pereyra. Uns minutos antes, terá lugar o acto de inauguración do Modelo de Nacións Unidas no que está previsto que participe o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey, e máis a decana da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Manuela del Pilar Santos.

Relacións Internacionais, un grao interuniversitario e bilingüe

O grao en Relacións Internacionais impártese na Facultade de Humanidades e Documentación desde o curso 2022/23. É un grao interuniversitario coa Universidade de Vigo (UVigo). Os dous últimos anos serán os da especialización, o Campus Industrial de Ferrol oferta a mención en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e o Campus de Ourense a de Xestión de Proxectos Internacionais. Para acceder a este grao, o alumnado deberá acreditar un nivel B1 en inglés no momento de formalizar a matrícula, unha vez teña realizadas e superadas as probas ABAU e obteña a correspondente praza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios