SOS Sanidade Pública chama á manifestación no CHUAC o 27 de marzo

SOS Sanidade Pública apoia e participará na manifestación convocada o 27 de marzo ás 12 horas na rotonda do CHUAC pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de A Coruña. Apoia e anima a participar á cidadanía nas concentracións que se van realizar á mesma hora diante dos centros de atención primaria e no hospital Virxe da Xunqueira en Cee.

A Xunta de Persoal convoca esta manifestación co eslogan de Stop Agresións! e o obxectivo de mellorar as condicións de traballo e a seguridade arredor do mesmo. Os traballadores de urxencias, preocupados e mobilizados desde a agresión do 3 de febreiro seguen sen ser recibidos pola dirección do hospital e en espera das diferentes medidas anunciadas desde a Consellería e a Xerencia do hospital, non materializadas até o momento.

Esta grave agresión ocorreu o 3 de febreiro pero non foi antes porque non lle cadrou.

O que sucedeu días despois na planta de neuroloxía ocorre cada día no hospital en algunha das plantas, sexa traumatoloxía, cirurxía, medicina interna ou calquera outra. A única resposta prevista por parte do hospital é a contención química (fármacos) ou física, amarrando aos pacientes. A quen lle gusta ver nese estado a un pai, unha nai, avoa…, amarrados á cama? É algo previsible, sobre todo en pacientes maiores, que teñan alteracións de comportamento porque as características agudas da súa enfermidade alteran o seu cerebro, o paciente non sabe onde está e responde con agresividade sen querer. O xeito de mitigar este problema é dedicarlle máis atención, pero é necesario máis persoal, ou xestionar unha habitación por planta onde se poida trasladar ao paciente, acompañado da súa familia, para que estea nun medio máis seguro tanto para el como para os traballadores, pero isto tampouco está previsto.

En relación coa agresión de urxencias por parte dun paciente psiquiátrico en descompensación o que nos está indicando, para quen abra os ollos e o queira ver, é a deficiencia da atención aos pacientes de saúde mental en urxencias. O hospital segue sen contar cunha atención específica a estes pacientes en urxencias. Pedir unha atención específica non é estigmatizalos, urxencias non é o lugar adecuado para que estean, o servizo de urxencias é un medio agresivo (ruído, desorden, berros, pacientes visiblemente enfermos) para calquera pero máis aínda para unha persoa que precisa dentro da súa terapia un ambiente tranquilo e de moderación.

Publicamos en outubro de 2023 un estudo sobre agresións en atención primaria (https://journal.agamfec.com/index.php/cadernos/article/view/235) e o agresor non tiña unha característica especial, non se relacionaban as agresións con ter unha enfermidade psiquiátrica. Entre as conclusións do estudo as causas eran, na maioría, alleas ao paciente ou ao traballador, e relacionábanse máis con factores relacionados coa organización.

Por todo isto,

– apoiamos as mobilizacións do 27 de marzo nos centros sanitarios de A Coruña

– pedímoslle á dirección do hospital que se reúna e escoite aos traballadores de urxencias

– pedimos que organice unha atención específica en urxencias dos pacientes en descompensación dunha enfermidade psiquiátrica

– é necesario traballar na prevención de alteracións de comportamento de pacientes durante o seu ingreso nas plantas cun aumento de recursos, evitando a ser posible a súa contención física

– pedimos tamén á cidadanía apoio e participación para a manifestación organizada por SOS Sanidade Pública o 6 de abril en Santiago de Compostela, con saída da Alameda ás 12:00, para ter + Atención Primaria, + Atención hospitalaria, + Sanidade Pública.

Comparte éste artículo
No hay comentarios