A mobilización terá lugar o vindeiro 6 de abril en Compostela.
O BNG de Lugo realizou un chamamento á veciñanza para que participe na mobilización nacional convocada por SOS Sanidade Pública para o vindeiro 6 de abril. A xornada de hoxe contou cun reparto informativo entre a veciñanza a coa participación de militantes e de cargos orgánicos e institucionais do BNG na comarca de Lugo. O responsábel local do BNG, Antón Bao, afirmou que a situación da sanidade pública galega é «alarmante», por causa dunha «xestión política nefasta que afecta gravemente a atención sanitaria das persoas usuarias». Bao puxo un exemplo «dos moitos que se poden ver a diario nos centros de saúde», coa
atención diagnóstica como protagonista, onde amosou unha cita solicitada en decembro do ano 2024 que aínda non foi atendida, obrigando á persoa afectada a presentar diversas reclamacións.
Antón Bao puxo o foco en «5 grandes problemas» da sanidade pública, como a falta de Atención Primaira, causada polo peche de centros e a falta de profesionais, o que provoca a pouca dispoñibilidade de citas nunha especialidade «fundamental para tratar enfermidades e para detectar doenzas». Ademais, as listas de agarda, «que son enormes tanto en diagnósticos como en cirurxías», a falta de persoal en Pediatría «con centros pechados e sen asistencia en moitos concellos, afectando a saúde das nenas e nenos». Antón Bao afirmou tamén que é preciso dar a volta á xestión da Saúde Mental «con centos de miles de persoas á espera dunha atención que non existe debido á falta de profesionais no Servizo Galego de Saúde».
Por último, Antón Bao destacou a estratexia do PP consistente en privatizar a sanidade pública, onde puxo como exemplo a falta de investimento no sistema público, o que se pode ver «con derivacións á sanidade privada».
O BNG de Lugo fai un chamamento á poboación para que se mobilice contra esta situación. O día 6 de maio, en Santiago de Compostela, terá lugar unha manifestación para demandar un cambio radical na política sanitaria do Partido Popular. A plataforma SOS Sanidade Pública convoca ás galegas e galegos para reclamar máis atención primaria, garantindo citas en 24-48 horas, máis atención hospitalaria, recuperando os hospitais comarcais a pleno funcionamento e rematando coa ocultación das listas de espera e máis sanidade pública, coa elabioración dun Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades, ademáis recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas.