No último Pleno do Concello de Vimianzo, o BNG defendeu diversas iniciativas clave para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Ademais de presentar unha proposta para abordar a problemática da vivenda, fixeron especial fincapé na urxencia de arranxar diversos viais, como o que conecta a rúa Tedín co cruce dos talleres Ideal. No ámbito das infraestruturas, tamén insistiron na necesidade de recualificar e ampliar a praza de Cereixo, atendendo ás demandas da cidadanía.
Os nacionalistas subliñaron que moitas destas deficiencias poderían resolverse coa elaboración dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que consideran unha prioridade ineludible para garantir un urbanismo ordenado e eficiente.
Así mesmo, o BNG propón a exención do imposto do lixo e da auga para os negocios afectados polas obras en diversas rúas, como Castelao, Antonio Vázquez Mouzo, Evaristo Martelo Paumán e Candil, co obxectivo de compensar as perdas económicas derivadas das intervencións municipais.
Outra das demandas trasladadas ao goberno local foi a mellora do Campo da Feira na Piroga, un espazo que a propia veciñanza acondiciona diariamente pero que require intervencións urxentes. En concreto, solicitan a colocación de pedras ou a creación dun xardín na parte alta do terreo para evitar a invasión de toxos.
No ámbito do benestar animal, os nacionalistas alertaron sobre a proliferación de gatos urbanos e lembraron á alcaldesa a obriga municipal de desenvolver políticas de protección animal, en particular, a esterilización destes animais para un control efectivo da poboación felina.
Por último, o BNG cuestionou o goberno local sobre o estado da nova Relación de Postos de Traballo (RPT) da Administración municipal e subliñou a urxencia de negociar un novo convenio colectivo. Tamén expresaron a súa sorpresa e preocupación pola decisión do Concello de renunciar a unha subvención da Deputación para a contratación dunha técnica de Igualdade, un perfil fundamental para avanzar en políticas de equidade no municipio.