Galiza Nova concéntrase en Noia contra o gasto militar

A organización xuvenil do BNG concentrouse na mañá deste sábado no concello de Noia, convocados baixo o lema «Contra o exército e o gasto militar. Máis berberechos, menos metralletas», para denunciar o incremento do gasto militar anunciado nas últimas semanas polo goberno do Estado.

O acto, ao que asistiron medio centenar de mozas e mozos, tivo lugar no Paseo Marítimo da vila e fíxose coincidir coa Xura de Bandeira que o Exército de Aire levaba a cabo tan so uns metros máis arriba, na Alameda do Concello. Así o sinalou Tamara Vidal, responsábel comarcal da organización, na súa intervención: «hoxe está o exército español na nosa vila, mais a mocidade galega temos claro cales son os nosos verdadeiros intereses e non teñen nada que ver cos do imperialismo que está alí arriba». Vidal tamén criticou o desleixo das institucións coa súa ría: «a nosa costa non se protexe cos avións de combate, protéxese con políticas medioambientais que garantan a protección e o futuro dos nosos ecosistemas».

Pola súa banda, a Secretaria Xeral da organización condenou o anuncio do goberno español de incrementar ata o 2% do PIB o gasto militar: «iso significa destinar miles de millón de euros á guerra, que non á nosa seguridade, cando o que precisamos é investimento en servizos sociais, en emprego digno ou en protección ambiental» denunciou durante a súa intervención. Gómez tamén puxo o foco en que «non é ningunha sorpresa que o Partido Popular e o PSOE estean perfectamente de acordo nisto, pois cando se trata de defender un estado que goberna para os intereses do grande capital e subordinados a Washintong e a Bruxelas ambas forzas coinciden plenamente».

Para rematar a súa intervención, Marta afirmou que «non atoparán a complicidade da mocidade galega para ser peóns no seu xogo da guerra» e sinalou que «a mocidade galega queremos un futuro na nosa terra, con emprego digno, con servizos de calidade e cunha economía que respecte a nosa identidade e os nosos recursos. Nese camiño atoparannos sempre coa man tendida», sentenciou.

O acto rematou co despregamento dunha bandeira da patria de grandes dimensións, «a bandeira que realmente defende os intereses das galegas e dos galegos» dixeron dende a organización xuvenil, e tamén co canto do himno galego.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios