Marea de Noia insta a Portos de Galicia a executar de inmediato o dragado do porto de Testal

A Marea de Noia denuncia a situación crítica que está a vivir o porto de Testal debido á súa colmatación, que impide o normal atracado de varias embarcacións, incluídas as da Cofradía de Pescadores. Esta circunstancia está a provocar graves prexuízos no sector marisqueiro e pesqueiro, fundamentais para a economía local.

O dragado do porto foi comprometido polo goberno da Xunta, mais, ata o momento, a obra segue sen executarse, agravando unha problemática que pon en risco a actividade diaria de numerosos profesionais do mar.

«Non podemos permitir que a inacción da administración siga prexudicando a nosa xente do mar. O dragado do porto de Testal é unha necesidade urxente e debe acometerse de inmediato», declarou Manolo Seijas, portavoz da Marea de Noia.

Desde a Marea de Noia esiximos a Portos de Galicia que cumpra co compromiso adquirido e leve a cabo, sen máis demoras, os traballos necesarios para garantir o correcto funcionamento do porto. Ademais, instamos ás administracións competentes a establecer medidas de mantemento periódico para evitar que esta situación se repita no futuro.

Facemos un chamamento a todas as persoas afectadas e á sociedade en xeral para que se unan a esta reclamación lexítima en defensa do noso sector produtivo.

Marea de Noia

Comparte éste artículo
No hay comentarios