Oito polígonos industriais de Galicia amplían a súa capacidade con nova adxudicación de solo da Xunta

Os terreos están localizados nos parques empresariais de Morás, Bértoa, A Sionlla, Negreira, Silleda, A Reigosa, Cervo e As Gándaras

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar un total de 88.419 m2 de solo empresarial propiedade da sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur en oito polígonos industriais galegos distribuídos nun total de 21 parcelas. Estes parques teñen unha bonificación no prezo de venda das parcelas que oscila entre o 30 % e o 50 %, dependendo da localización do parque empresarial, polo que o valor total do solo adxudicado neste concurso ascendeu a preto dos sete millóns de euros. 

A maioría dos terreos adxudicados atópanse na provincia da Coruña:  12 no parque de Morás (Arteixo); dúas na área empresarial de Bértoa (Carballo); unha parcela no polígono da Sionlla (Santiago); e outra no polígono empresarial de Negreira. Por outra banda, na provincia de Pontevedra adxudicouse unha parcela no parque de Silleda e outra no da Reigosa. Na provincia de Lugo hai dúas parcelas adxudicadas no polígono de Cervo e unha no parque das Gándaras.

Do total das parcelas, vinte adxudícanse en réxime de compravenda e unha en réxime de dereito de superficie. Os adxudicatarios están obrigados a construír as súas instalacións e obter a licenza de actividade nun prazo máximo de tres anos desde a formalización da compravenda en escritura pública; e a manter a súa actividade, como mínimo, durante 10 anos.

Sectores

En canto á provincia da Coruña, as 12 parcelas adxudicadas en Arteixo (39.942 m2) son para empresas que se dedican ao envasado e distribución de produtos químicos; á elaboración de produtos do mar; á comercialización de sistema eléctricos e á industria do aluminio. Na área empresarial de Bértoa, adxudicáronse dúas parcelas (22.598 m2) para empresas do sector da carpintería metálica e á fabricación e venda de produtos químicos. No que respecta ao parque da Sionlla, a Xunta adxudicou unha parcela (1.200 m2) a unha empresa destinada á produción de enerxía hidroeléctrica; mentres que a parcela adxudicada en Negreira (1.474 m2) é para unha firma de almacenamento de materiais de construción.

Na provincia de Pontevedra, a parcela adxudicada no parque empresarial de Silleda (7.031 m2)  é para  unha empresa dedicada a recuperación e reciclaxe de vehículos; e no parque da Reigosa (4.499 m2) adxudicouse outra en dereito de superficie a unha empresa dedicada á fabricación de aglomerado asfáltico.

Na provincia Lugo, adxudicáronse dúas parcelas no polígono de Cervo (10.678 m2), unha delas para unha empresa dedicada ao almacenamento e fabricación de elementos metálicos;  e outra para unha compañía dedicada ao estacionamento ao aire libre de vehículos. Finalmente, no polígono das Gándaras (995 m2) adxudicouse unha parcela a unha empresa especializada no comercio ao por menor de artigos de bricolaxe e mobles.

PARQUENº PARCELASSUPERFICIE m2IMPORTE (€)
Negreira (A Coruña)11.474,00102.006,00
Arteixo (A Coruña)1239.942,004.817.209,00
Carballo (A Coruña)222.598,00800.952,06
A Sionlla (Santiago de Compostela- A Coruña).11.200,00168.000,00
Silleda (Pontevedra)17.031,69311.386,00
Cervo (Lugo)210.678,85213.400,00
As Gándaras (Lugo)1995,0063.001,99
A Reigosa (Pontecaldelas- Pontevedra)14.499,98427.498,10
TOTAL2188.419,526.903.453,15
Comparte éste artículo
No hay comentarios