A calidade do emprego é mellor que antes da reforma laboral pero peor que no conxunto do Estado
Os datos coñecidos hoxe indican que en marzo o paro rexistrado reduciuse en Galicia en 1822 persoas, un 1,5 % (un punto por riba do Estado), e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 8826 afiliados e afiliadas (un 0,8%). Se consideramos os datos da afiliación media mensual, esta sube en 7448 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (un 0,7%).
CCOO valora positivamente os datos publicados que reflicten unha baixada do número de persoas desempregadas e un incremento das que atopan emprego medidas pola afiliación á Seguridade Social. Tanto a afiliación como o paro atópanse en valores históricos en Galicia. Aínda así debemos destacar a anomalía de que supón que o paro diminúa máis en Galicia que no Estado pero a afiliación medre nas mesmas porcentaxes.
No lado das sombras, sinalar que medra máis a contratación temporal que a indefinida (e que o peso da contratación indefinida sobre o total é inferior en dez punto ó do conxunto do Estado) e o que a maior parte do crecemento do emprego asenta sobre actividades estacionais e de baixo valor engadido tal e como reflicte a evolución sectorial da afiliación.
Análise por sexos e sectores
En Galicia están no desemprego 50085 homes (825 menos que en febreiro) e 69070 mulleres (997 menos que no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres a pesares da boa evolución do mercado laboral no último mes. Atendendo ás idades, hai 5097 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (39 menos ca en xaneiro) e 114058 maiores desa idade (1783 menos).
O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 95 persoas desempregadas menos, na industria 254, na construción 192 e 1342 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior, o desemprego medra en 61 persoas.
Análise da contratación
En marzo rexistráronse en Galicia 52068 contratos, dos que 34494 foron temporais e 17574 indefinidos. O volume de contratos rexistrados en marzo foi superior nun 14,9% aos formalizados no mes de febreiro: a contratación indefinida medra nun 7,6% mentres que a temporal o fai nun 18,9%. De cada 100 contratos rexistrados, 34 son indefinidos mentres que no Estado son 44 os indefinidos (como ven acontecendo no último ano).
Afiliación á Seguridade Social
Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sube en 8826 persoas, ata situarse en 1078704 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,8 % respecto de do mes anterior porcentaxe idéntica á do Estado.
A afiliación media mensual aumenta en 7448 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1079396. Deste total, 857469 corresponden ao réxime xeral, 203801 ao de autónomos e 18125 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase nun 0,7% como acontece no Estado.
Os réximes xeral e agrario absorben o groso do incremento da afiliación media: 6966 afiliados e afiliadas máis no último mes dos que un 28,7% corresponden a hostalería, un 11,4% a actividades profesionais científicas e técnicas, un 12,2% a sanidade, un 9,9% a actividades administrativas e un 8,9% a educación corroborando a evolución sectorial e por sexos do desemprego.
Prestacións por desemprego
En febreiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 79132 persoas: 43151 prestacións contributivas e 35981 subsidios.
En relación aos ERTE do mes de febreiro, sinalar que este mecanismo daba cobertura a 601 persoas a final do mes, das cales 451 estaban en ERTE etop e 150 en ERTE forza maior. Do total de persoas afectadas, 372 son homes e 229 mulleres.