A proposta consensuada polos representantes do Goberno autonómico e do Concello de Lugo evita invadir a zona de servidume do Rato e permite manter as dúas ramplas de acceso ao río, as prazas de aparcamento en liña e as paradas de autobús.
A Delegación Territorial da Xunta acolleu esta mañá unha reunión de carácter técnico con representantes da Administración autonómica e do Concello de Lugo na que se decidiu o deseño xeométrico que se vai seguir na mellora da rúa Serra de Meira, concretamente no tramo comprendido entre as rotondas de Serra de Meira e da avenida Adolfo Suárez, enmarcada no conxunto de intervencións do Plan Paradai.
O Goberno galego convocou esta xuntanza para poder avanzar con seguridade na actualización do proxecto de renovación da rúa. A xestión do anterior plan autonómico non podía avanzar polos problemas para compatibilizar as previsións do Plan Xeral de Ordenación Municipal cos requisitos que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil establecía para a súa autorización, xa que o organismo de conca non permitía construír na zona de servidume do dominio público hidráulico os muros de contención previstos no proxecto inicial para acometer a ampliación do ancho do vial que se contemplaba no planeamento municipal.
Unha vez rematadas as obras que Concello e Confederación executaron, despois de anos de atrasos, no leito do río Rato para reducir o risco de inundacións, o servizo provincial da AXI remitía a mediados do pasado mes de marzo ao Concello un documento con varias alternativas para a rúa -que ían dende unha mínima invasión da zona de servidume a non ocupar nada da mesma- e propuxo celebrar esta xuntanza para analizar conxuntamente as propostas.
A opción elixida contempla construír os muros de contención para o ensanche da rúa fóra da zona de servidume. Mantéñense as actuais ramplas de acceso á contorna do río para peóns e ciclistas, as prazas de aparcamento con disposición en liña na marxe esquerda do vial (a oposta ao río) e as paradas de autobús nas dúas marxes.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que co acordo de hoxe a Xunta poderá “avanzar sen máis dilacións nin incertezas” na actualización do proxecto de renovación de Serra de Meira e, deste xeito, “axilizar a materialización desta actuación, tan importante para o desenvolvemento urbanístico desta zona da cidade”.
Unha vez rematada a redacción, o proxecto será remitido ao Concello de Lugo para que solicite tamén a autorización da CHMS. Arias lembrou que o Goberno galego ten consignada unha partida de medio millón de euros nos orzamentos “que permitirá licitar o contrato en canto se dispoña dun proxecto con todos os informes favorables”.